Lobios fica baixo fechamento perimetral e toda a hostalaría poderá abrir até a 1 da madrugada

Xente paseando por Ribadeo após decaer o estado de alarma e o fechamento con Asturies. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A decisión foi tomada na reunión que mantiveron na quinta feira, despois de varios cambios de axenda, as e os expertos do comité clínico e os representantes da Xunta da Galiza. Ademais, os bares e cafetarías que teñan servizo de comida tamén poderán abrir até a unha da madrugada aínda sen licenza de restaurante. As medidas estarán en vigor a partir da medianoite do sábado.

A Consellaría de Sanidade vén de anunciar que estabelecerá o nivel máximo de restricións no municipio de Lobios. Esta localidade ficará co feche perimetral e o toque de recoller ás 23 horas activo. Aliás, a hostalaría deberá permanecer fechada e non se permitirán as reunións de persoas que non vivan xuntas.

Así mesmo, despois de debater a realidade da crise sanitaria co comité clínico que asesora á Xunta sobre este tema, acordouse que permanezan no nivel alto das restricións os concellos de Vilanova de Arousa, Cambados, Moraña, Ponte Caldelas, Mos, Ribeira, A Pobra do Caramiñal e Oleiros. A mobilidade será libre, tamén na hora, pero as terrazas estarán ao 50% da súa capacidade. No interior dos locais poderán darse  xuntanzas de catro persoas, mentres que o límite no exterior será de seis.

No chanzo intermedio quedarán nos próximos días 21 localidades: Barbadás, O Barco, Santiso, Boiro, Rianxo, Padrón, Ordes, Valga, Ames, Carral, Fisterra, Cee, Bueu, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Cangas, Moaña, Salceda de Caselas, Chantada, Viveiro e Cervo. As particularidades deste nivel son que a hostalaría pode ocupar un 30% do espazo dispoñíbel no interior e o 50% no exterior e, no caso das residencias de maiores, permitiranse as saídas familiares dun mínimo de cinco días.

O resto dos concellos terán as prohibicións propias do nivel de alerta máis baixo. As novas limitacións entrarán en vigor na medianoite desde sábado.

Por outra parte, as e os asesores acordaron que a situación actual permite que todos os locais de hostalaría poidan dar ceas até a unha da madrugada, teñan ou non licenza de restaurante. No entanto, será coas mesmas condicións que os estabelecementos abertos até o de agora: medidos de CO2, rexistro de clientes, cita previa e reserva.

Haberá que agardar a mañá para coñecer máis polo miúdo o alcance real das decisións tomadas no encontro de traballo.

Diversos debates abertos nesta semana

Non hai que esquecer que a principios de semana especulábase con que as cuestións máis amplas sobre medidas respecto á evolución epidemiolóxica ían ir na axenda da reunión desta sexta feira -pero finalmente diversos cambios na axenda deixaron reducido a un os dous encontros previstos nesta semana-, se ben abríase a porta a que se era posíbel xa se analizaran algunhas cuestións como a ampliación dos horarios da hostalaría.

En concreto falouse de incrementar a atención nos bares e cafeterarías -que xa o pediron a semana pasada- para equiparar os negocios coa restauración dado que o número de contaxios se tiña estabilizado. E finalmente así será.

Unha das últimas afirmacións, tanto a nivel galego como no Estado español, é que en poucas semanas a máscara podería desaparecer de determinados contextos sociais como poden ser os paseos ao aire libre, sempre que a situación sanitaria o permita. Así se pronunciou tanto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, como Fernando Simón en representación da equipa de Pedro Sánchez.

Malia estas melloras, tampouco se debe esquecer que aínda falta unha boa parte da campaña de vacinación e que seguen morrendo persoas afectadas pola Covid-19. Na Galiza as vítimas da pandemia xa sobrepasan as 2.409. Mesmo se abriu a porta a que alumnas de ESO e Bacharelato sexan inoculadas para iniciar o próximo curso con maiores garantías.