Literatura e sufrimento psíquico no semanario 'Sermos Galiza'

Ilustración de Álex Rozados para a capa do seminario 'Sermos Galiza'.
O semanario Sermos Galiza analiza a pegada da saúde mental na escrita. Títulos, personaxes, autores e autoras e voces da crítica reflexionan sobre o sufrimento psíquico, os estereotipos asociados aos trastornos mentais e o esforzo por destruír os tabús.

Males de cabeza, contos, ciencia, natureza para ler e para andar, cine e estreas literarias enchen as páxinas do suplemento Sermos Galiza que como cada semana, acompaña o xornal Nós Diario. Esta vez, o semanario 443 chega aos quiosques un día antes, esta sexta feira, día 2 de abril, xa que o sábado de Semana Santa non se edita prensa escrita.

Males de cabeza

"Non coñezo ningunha novela, galega ou non, na que algunha das súas personaxes non teña problemas psicolóxicos, sexan estes evidentes ou non", dicía o escritor Xavier Queipo nunha entrevista recente en Nós Diario sobre Corazón de manteiga, a súa última obra.

Con esta reflexión do autor compostelán, Montse Dopico abre un percorrido polo sufrimento psíquico e os trastornos de saúde mental que a literatura e, en particular, a narrativa actual, reflicte a través dos seus personaxes e mesmo da experiencia doutros escritores, escritoras e voces da crítica dos que se acompaña.

É o caso de Berta Dávila. "Nunca me propuxen escribir unha novela sobre a doenza mental para despois procurar unha perspectiva axeitada ou non axeitada de facelo. En Carrusel creo que hai un conflito identitario que a protagonista trata de resolver e que abrangue diferentes dimensións e contextos da súa vida. O transtorno mental é transversal a todos eles e é o tema do libro, pero eu non o sabía antes de escribilo. O que si é certo é que quería ofrecer un relato en primeira persoa que non fose unha mirada desde o estrañamento a un outro ou outra atávica", aclara a autora da obra galardoado co Premio da Crítica 2019.

Ademais das palabra de Dávila, Montse Dopico recolle as impresión de Marga Do val, Teresa Moure, Antonio Tizón, Dolores Vilavedra e Mario Regueira, entre outros.

Ciencia e natureza

Manuel Xestoso entrevista a Agustín Agra, quen despois de cinco anos de repouso editorial, publica Silencio, "un volume de contos centrados nalgunhas das figuras esenciais da historia da ciencia, no encontro entre o ser humano e a natureza que o arrodea".

Unha conversa que tamén se presta para reparar, máis de vagar, no traballo científico e nas súas contradicións. "Parece que as teorías e as leis son inamovíbeis e, en realidade, todos sabemos que non é así. Parte do método científico consiste en aceptar que o coñecemento está en continua revisión e que, con base en novos descubrimentos, as leis son modificábeis. No momento en que se atopa ante unha contradición, a ciencia debe reescribirse", afirma Agra.

Os Fillos do Sol

Mar Álvarez escribe sobre Os Fillos do Sol que nos anos 30 do século pasado optaron por vivir afastados da opresión dos prexuízos.

"Arredor do 1932, uns amigos da cidade de Vigo decidiron xuntarse para vivir unha vida afastada dos convencionalismos sociais, gozando dun maior vínculo cos espazos naturais. Eran persoas cultas e respectuosas cuxo obxectivo era unicamente habitar no mundo" cuns valores éticos e sociais aínda non consolidados na sociedade da época.

O convite do Colectivo Xea transcorre pola serra da Groba, pola ruta máxica de Oia, entre Mougás e Oia, un percorrido no que se atopa o Sobreiral do Faro, considerado o bosque mediterráneo máis occidental de Europa. "Unha das poucas áreas da serra da Groba onde se conservan especies autóctonas".

Libros e arte

Manuel López Foxo apunta 'O pracer de reler' a Avilés de Taramancos. Mario Regueira achéganos as novidades da editorial galego-brasileira Urutau, que presenta a A ollada de A ollada de ειρήνη, de Irene Pin.

Ademias, Herminio González escribe sobre música e identidades, Fernando Montenegro sobre 'Música do pensamento' e Carlos L. Bernárdez sobre o proxecto expositivo Cultivar incertezas: Reformular o espazo/conmocionar, tres décadas da Facultade de Belas Artes de Pontevedra a través da mirada de 30 autores e que se pode ver no CGAC até o 23 de maio de 2021.