As listas de agarda para cirurxía creceron 20% no último ano, con Vigo á cabeza

O Hospital Povisa, en Vigo, de capital norteamericano, acolle derivacións do sistema sanitario galego. (Foto: Europa Press)
Plataformas sociais en defensa da sanidade pública ultiman os preparativos da manifestación que esta quinta feira percorrerá as rúas de Vigo. Nós Diario analiza con representantes destas entidades as problemáticas que arrastra a área sanitaria viguesa, como é o aumento das listas de espera. Ademais, desde SOS Sanidade Pública, denuncian que o Hospital Cunqueiro gastará 8 millóns máis por derivacións á privada.

De "extrema urxencia". Así é como cualifican as plataformas en defensa da sanidade pública a "precaria" situación da Atención Primaria e tamén da hospitalaria na área sanitaria de Vigo, que presta servizo a máis de 600.000 habitantes de 27 concellos do suroeste do país. Nós Diario analiza a situación deste servizo con entidades de pacientes e profesionais que, na tarde desta quinta feira, teñen convocada unha manifestación en defensa da sanidade pública.

As listas de agarda para ter cita en Medicina de Familia nesta área superan os 10 de días e "hai serias complicacións para contactar cos centros de saúde", sinala a este xornal o médico Manuel Martín, voceiro de SOS Sanidade Pública. Para alén dos problemas na Primaria, a máis próxima á poboación, a área ten "as maiores listas de agarda na Hospitalaria e o Hospital Álvaro Cunqueiro vai gastar este ano 8 millóns de euros máis para desviar pacientes a centros privados que non teñen a calidade nin os recursos da sanidade pública", engade Martín.

O médico explica que os problemas non se circunscriben só á área de Vigo. Segundo denuncia SOS, na Galiza paralizáronse ao redor de 3.000 intervencións cirúrxicas programadas, 600.000 consultas e 20.000 probas diagnósticas. Engaden que a carencia de recursos non permite paliar esta situación, e que están intentando emendar coa derivación de pacientes á privada, o que, explican, detrae orzamento do Sergas.

Manuel González Moreira, portavoz de SOS Sanidade Pública de Vigo, explica en conversa con este xornal que os problemas non son consecuencia da Covid senón "de moito tempo de recortes e de perda de peso da Primaria no conxunto do sistema sanitario galego". Moreira apunta a que na Galiza supérase con moito o límite dos 30 pacientes por médico día e que a perda de recursos na sanidade pública "está provocando unha fuxida de quen pode á privada, con 20% da poboación que xa opta polos seguros privados".

Enfatiza Moreira que os recortes de recursos introducidos pola Xunta no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e a renovación do concerto co Hospital Povisa, unha empresa privada de capital estadounidense, fan que "a área teña a maior lista de agarda cirúrxica de toda a Galiza" (12% superior á media), "aínda ocultando ás persoas que están pendentes de cita ou as que están nunha lista que chaman non estrutural”. Segundo os datos publicados polo Ministerio de Sanidade na última semana, o número de persoas que agardaban a finais de 2021 por unha operación cirúrxica na Galiza eran 43.194, ou o que é o mesmo, 20,6% máis que un ano antes, cando 35.817 pacientes esperaban por unha operación. 

Recortes desde o Morrazo ao Baixo Miño e Condado

Blanca Fernández, da Plataforma do Rosal en Defensa da Sanidade Pública, que tamén convoca a mobilización desta quinta feira en Vigo, indica a Nós Diario que precisan unha nova praza tanto en Medicina de Familia como en Enfermaría, xa que "as ratios de profesionais non se corresponden coa densidade poboacional". Tamén reclama a recuperación da Pediatría, pois "non se cubriu a baixa dunha profesional" e agora "non se contempla que volva ao seu posto". Aliás, no Rosal tamén sinalan a necesidade dunha matrona.

Patricia Mariño, da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e Paradanta, denuncia os problemas de ratios e non reposición das baixas na comarca. Incide a este xornal na "insuficiencia de ambulancias na zona e a carencia dun servizo as 24 horas". Tamén transmite as queixas pola "conxestión da Pediatría e das Urxencias", servizos que comparten varias localidades da comarca.

Concha Trigo, da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Moaña, ademais de problemas similares aos mencionados nas outras comarcas, expón que en Moaña "contan desde outubro con dous médicos menos na quenda de tarde". Alén diso, o PAC "leva clausurado desde o comezo da pandemia", motivo polo que en Moaña levan "realizando manifestacións todas as semanas desde o mes de decembro".

Reclamacións

O manifesto da mobilización que esta quinta feira sairá ás 20 horas do PAC de Vigo insta a Xunta a implantar unha Primaria "digna", con profesionais suficientes e sen listas de agarda; e mellorar os recursos da Atención Hospitalaria.

Plataformas locais e comarcais unen forzas para mellorar a sanidade pública

Máis de 600.000 consultas médicas foron adiadas desde o inicio da pandemia, denuncian Manuel Martín (na parte superior), de SOS Sanidade Pública, e Manuel Moreira (na inferior), de SOS Vigo. Patricia Mariño (parte superior dereita), da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado; Blanca Fernández (no centro), da Plataforma do Rosal, e Concha Trigo (na parte inferior), da Plataforma de Moaña, advirten de postos médicos sen cubrir nas súas comarcas.