AO FÍO DO DEBATE SOBRE O FEMINICIDIO

"A linguaxe é política"

[Imaxe: mulheresseguras.org.br]

"O persoal é político" dicía unha consigna feminista na década dos '70. A linguaxe tamén. Conversamos coa comunicadora Sonia Herrera sobre a importancia dos termos, conceptos e categorías cando falamos de violencia contra as mulleres ao fío do debate parlamentar arredor do feminicidio.

 

"Non debemos perder moito tempo en termos nen en conceptos". "Á vítima de violencia de xénero non lle importa moito como lle chamemos a ese problema tan gordo que elas están padecendo". "Non é cuestión de nomes". "Feminicidio, violencia machista, violencia de xénero... que máis dá". 

Estas son algunhas das frases pronunciadas pola deputada do Partido Popular, Marisol Díaz, para amosar o rexeitamento do seu grupo á incorporación do concepto feminicidio na lexislación española através da creación do Estatuto de vítima de Feminicidio proposto pola parlamentar do BNG, Carme Adán. 

O obxectivo exposto pola deputada nacionalista era "mudar" e "ampliar" o marco xurídico estatal para incluír novas variábeis na acreditación da situación de violencia machista perante unha realidade que atinxiu "máis dun millón de denuncias" entre 2007 e 2015, mais das que "a metade" foron arquivadas. 

"Recoñecer o feito non debe imposibilitar a ampliación da lexislación", sinalou Carme Adán pondo en valor os avanzos normativos en materia de violencia contra as mulleres nos últimos anos mais instando a introducir un outro concepto que, embora "controvertido", dixo, outorga unha outra "dimensión" á realidade que atinxe milleiros de mulleres na Galiza, no Estado español e no mundo. 

Porén, a parlamentar do PP --e o seu grupo-- opúxose mesmo a abrir o debate arredor do feminicidio ao considerar que esta categoría xurídica xurdida en 1976 da man da doutora en Psicoloxía social, activista e feminista sudafricana, Diana Russell, "non aporta nada diferente ao que non estea recollido xa no termo violencia de xénero". 

Conceptos

Neste senso preguntámonos. Importan as categorías e conceptos? Significan o mesmo e, polo tanto, poderían empregarse indistintamente os termos 'violencia doméstica', 'violencia de xénero', 'violencia machista' e 'feminicidio'? Como afecta a linguaxe e o uso que se fai dela desde a esfera política (pública) ou os medios de comunicación á hora de abordar a violencia contra as mulleres?

Sonia Herrera é comunicadora e autora do blogue La lente violeta. En conversa telefónica con Sermos Galiza responde taxativamente que "por suposto, a linguaxe importa". 

"A linguaxe é a principal ferramenta para nos comunicar mais tamén de socialización. É esencial usar a terminoloxía acaída"

"A linguaxe é política", apunta mentres lembra a consigna que nos anos '70 reclamaba o persoal como político. "É a principal ferramenta para nos comunicar mais tamén de socialización" e, neste senso, acrecenta, "é esencial usar a terminoloxía acaída" sexa cal for o asunto tratado. 

Herrera lembra os distintos conceptos que, ao longo do tempo, foron empregados pola imprensa e a propia lexislación para nomear a violencia contra as mulleres. "Primeiro foi crime paixonal que eu identifico co mito de Carmen", afirma. Desde esa perspectiva "ela é a mala, a que deu motivos" tradicionalmente descrito cun 'algo faría'. 

Con posterioridade a violencia contra as mulleres foi definida como "violencia doméstica", un concepto --explica Sonia Herrera-- referido a "violencia de pais a fillos, contra as persoas maiores..." Nese senso, o termo "oculta as causas da violencia exercida contra as mulleres" diluíndo as razóns estruturais da discriminación por razón de xénero. 

Xénero e machismo

Pola súa banda, a identificación como "violencia de xénero", sinala esta comunicadora constitúe unha "arma de dobre gume" pois "é unha categoría que serve, mais que fai xurdir a idea de se excluír a existencia de homes maltratados ou das denuncias falsas". Realidades que non son comparábeis á das mulleres en situación de violencia ou á diversidade de formas en que a vida das mulleres pode ser violentada. "As causas", apunta Sonia Herrera, "non teñen a mesma base". 

O concepto feminicidio incorpora a responsabilidade do estado quer por acción, quer por omisión, na violencia contra as mulleres

Segundo esta investigadora, o uso do termo "violencia machista" foi "un paso político" importante porque "sinala os agresores" e "destaca as causas" que a provocan. Porén, o seu uso "non está xeralizado" nen na lexislación (galega/estatal) nen tampouco entre os medios de comunicación. 

A respeito do concepto "feminicidio", apunta Herrera, "non sei se sería o paso definitivo" mais si suporía, entende, un avanzo pois "sitúa as causas da violencia contra as mulleres no sexismo e o patriarcado". Porén, vai para alén --tal e como foi concibido pola antropóloga e ex-deputada mexicana, Marcela Lagarde-- ao introducir a "responsabilidade do Estado" quer por acción, quer por omisión ao non garantir unha vida libre de violencias ás mulleres. 

"Isto pasa alí, non aquí"

O feminicidio, acrecenta, "é un concepto máis integral que non deixa fóra asasinatos de prostitutas, de crianzas" ou como aconteceu en Cervo o pasado ano, aquelas mulleres que non manteñen ou mantiveron unha relación afectivo-sexual co seu asasino. "Non son vítimas colaterais" como semella coida o marco xurídico actual "son asasinatos para danar mulleres" polo simple feito de o seren. 

Na última década no Estado español segundo as cifras oficiais foron asasinadas máis de 700 mulleres

Por que existen entón reticencias na súa incorporación?, preguntamos. "Forma parte da mesma burbulla", di Sonia Herrera, a respeito da "sociedade patriarcal" mais tamén dunha óptica "colonialista" e "etnocentrista" que rexeita equiparar os asasinatos de mulleres no Estado español co que acontece --respeitando as diferenzas-- en México ou Venezuela, cuxas lexislacións recollen o concepto xurídico do feminicidio. "Isto pasa alí, non aquí", di Herrera. 

Así o expresaba a propia Marisol Díaz en sesión parlamentar. "Falar de feminicidio é un concepto xuridicamente controvertido, vén usarse en países que teñen unha lexislación non axeitada e non completa relativa á violencia de xénero, que non é o caso de España". Paradoxalmente, na última década no Estado español segundo as cifras oficiais foron asasinadas máis de 700 mulleres. Estatísticas que só contabilizan aqueles crimes en que o homicida era parella ou ex-parella da vítima.