Contra o machismo

‘Nós contra a violencia’ quere fomentar o uso do galego e a defensa da igualdade

Imaxes da campaña 'Nós, contra a violencia'

Máis dun cento de concellos participarán do programa de actividades Nós contra a violencia de dinamización da lingua galega e de sensibilización contra as violencias machistas.

Concertos, pezas teatrais, obradoiros, contacontos e campamentos de verán son algunhas das actividades que inclúe o programa Nós contra a violencia e que, centrado no fomento do uso do galego e na defensa da igualdade, chegará a máis de 100 concellos da Galiza.

As actividades chegarán a máis de 100 concellos da Galiza

No marco de Nós contra a violencia difundiranse valores como o respecto e a defensa da igualdade a través das artes escénicas e iniciativas como a creación de material didáctico e formativo nesta materia realizado en galego.

Entre as actividades que se levarán a cabo atópanse accións como a peza teatral Mai Mai a cargo de Baobab Teatro, que aborda temas como o empoderamento das mulleres ou a prevención da violencia. Tamén se inclúe o espectáculo O rueiro das liortas, da compañía Elefante Elegante, unha obra que profunda no papel das mulleres nas relacións de parella.

Así, a responsábel de Baobab Teatro, Andrea Bayer, sinalou que a violencia machista é un problema que "hai que erradicar desde que somos crianzas", polo que explicou que o seu espectáculo está centrado nese problema mais ao mesmo tempo diríxese a un público familiar.

Grazas á ironía e o humor pretenden que as persoas se dean conta de como se"cousifica" ás mulleres e como se continúan mantendo os estereotipos de xénero

Palabras similares dixo a actriz da compañía Elefante Elegante, María Torres, quen sinalou que a súa obra trata de tipos de violencias machistas "que non saen nos telexornais", senón que son "máis invisíbeis", como o acoso físico, "que se perpetúa na sociedade".

Ademais, indicou que grazas á ironía e o humor pretenden que as persoas se dean conta de como se"cousifica" ás mulleres e como se continúan mantendo os estereotipos de xénero.

Tamén haberá concertos do grupo A Roda titulado A Roda da igualdade, así como obradoiros para pais e nais dentro do proxecto Igual-Son, que inclúe música, danza e contos para incentivar o uso do galego e reflexionar e educar en valores de igualdade.

En paralelo, editarase unha guía educativa centrada na prevención da violencia machista para mocidade e elaboraranse materiais educativos centrados nos riscos e potencialidades das redes sociais, así como un manual práctico de ferramentas educativas para previr a violencia contra as mulleres, entre outras iniciativas.

Na presentación desta iniciativa participaron esta terza feira 30 de xullo o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, así como a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. As tres institucións son impulsoras deste programa da Xunta de Galiza.