Nas festas da Dorna, en Ribeira

Unha “Rede Lila” para unhas festas libres de violencia machista

O colectivo Mulleres en Acción pon en marcha a “Rede Lila” co fin de contribuír a unhas festas libres de violencia machista. A iniciativa desenvolverase nos próximos días, durante os actos da Dorna, en Ribeira.

Ribeira acollerá a iniciativa “Rede Lila”, do colectivo Mulleres en Acción, que se pon en marcha con motivo das festas da Dorna que están a ter lugar estes días. Nada para contribuír a unhas festas libres de violencia machista, a “Rede Lila” funciona a través de voluntarias en distintas localizacións.

O dispositivo morado, ora brazalete, ora diadema, coa inscrición “Punto Lila”, serve para identificar as voluntarias, ás que pode recorrer calquera muller que sufra unha agresión machista ou quen a presencie.

“Ademais da posíbel función disuasoria da presenza das voluntarias na rúa, pensamos que  esta acción contribúe a crear consciencia sobre a importancia da sororidade para desfrutar das festas en pé de igualdade, sen medo e coa seguridade de que vai haber alguén a quen acudir no caso de sentíreste atacada”, explica Mulleres en Acción nun comunicado de imprensa.

O colectivo, que puxo en andamento a “Rede Lila” na noite do sábado, agradece a “formidábel resposta da mocidade ribeirense, pois foron numerosas as mozas que se ofreceron para colaborar nesta iniciativa”.