Liña millonaria da Xunta para centros privados e que segregan

Alumnas nun colexio privado (Foto: Europa Press)
Centros privados e que segregan o alumnado por sexo, entre os beneficiarios das axudas de 7,2 millóns de euros que Feixoo anunciou que destinaría "á concertada" para axudala a costear as exixencias dos protocolos Covid-19.

Aínda que o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, anunciou a pasada semana ao remate do Consello da Xunta que destinaría 7,2 millóns de euros aos centros de ensino concertados da Galiza para axudalos a facer fronte ás necesidades de máis persoal e medios que exixen os protocolos anticovid, o certo é que a o Diario Oficial da Galiza estabelece esa contía para a concertada mais tamén para o ensino privado, daquela non mencionado polo presidente.

Exactamente son 7.250.011 euros. Deles, 3.090.447 destinaranse á adecuación de espazos e adquisición de materiais hixiénico-sanitarios, entre outros, mentres que 4.159.564 son para a contratación de docentes.

A Consellería xustifica a urxencia e a concesión directa debido ás necesidades para adaptarse ao contexto de pandemia, así como o pago anticipado aos beneficiarios da totalidade do importe.

Inxección á privada

Na liña de aposta da Xunta da galiza polo negocio privado da educación, entre os maiores beneficiarios atópanse o centro privado Fogar de Santa Margarida da Coruña, que recibirá 403.097 euros, ou o Liceo A Paz e o Compañía de María, ambos da mesma cidade e que se beneficiarán de importes por 219.263 e 187.357 euros, respectivamente.

Na capital galega, A Salle recibirá 211.204 euros e o Compañía de María 189.955 euros.

O Santo Ángel de Ourense beneficiarase dunha axuda de 203.985 euros, e o CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús de Pontevedra terá 181.103 euros.

A orde da Xunta inclúe, ademais, centros que separan ao alumnado en función do seu sexo, con axudas para compensar as tarefas de adaptación e a adquisición de materiais. En concreto, o centro Peñarredonda da Coruña contará con 9.390 euros, o Montespiño en Culleredo con 13.308 euros, o Acacias-Montecastelo con 38.015, e o  Aloia 10.277 euros, estes dous últimos no municipio de Vigo.