Limpeza simbólica, resultados reais

[Imaxe: Adega] Un grupo de estudantes participa nunha convocatoria da Limpeza de praias simultánea
Unha vintena de areais, principalmente da Costa da Morte, son os elixidos para a VII Limpeza simultánea de praias, que promove a asociación ecoloxista Adega e na que participarán 31 centros de ensino e unha ducia de entidades asociativas da Galiza. 

A acción, que quere ser un acto simbólico pero tamén de concienciación ambiental e sensibilización, terá lugar esta sexta feira, día 18, e sábado, día 19, nas praias de Bens (A Coruña), A Guieira, Testal e praia das Gaivotas (Noia), San Francisco (Muros), Ribeira e Corrubedo, Broña (Outes), Ribeira de Maniños e Regueiro, en San Valentín, (Fene), Caranza (Ferrol), As Saiñas (Carballo), na praia de Carnota, na de Talón (Fisterra), Area da Cruz (O Grove), na praia de Patos (Nigrán), Samil (Vigo), na praia de Redondela, en Caión (A Laracha), Traba (Laxe) e en Cabeiro (Porto do Son). As xornadas contarán con persoas voluntarias procedentes de 31 centros de educación secundaria, institutos e da Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña. O sábado sumaranse á limpeza unha ducia de entidades ecoloxistas, de deporte ao aire libre, ou ligadas á produción marisqueira. Desta volta, a iniciativa conta coa colaboración dos concellos de Nigrán, Fene, Carballo, Carnota, Fisterra, O Grove, Muros e Outes.

Desde Adega avanzan que o obxectivo destas xornadas de voluntariado será concienciar e sensibilizar a cidadanía sobre a problemática do lixo mariño, que afecta a todos os mares e océanos do planeta, e tamén aos galegos. “Ademais de reflectir a falta dunha xestión adecuada dos residuos e dun modelo de consumo máis sostíbel, a problemática do lixo mariño pon en grave perigo a supervivencia dos seres vivos que habitan os océanos. A nivel mundial, cada ano 10 millóns de toneladas de lixo acaban no mar”, fan notar desde a entidade.

A actividade, indica a organización, é un acto simbólico, que o que procura non é suplir a falta dunha correcta xestión dos residuos nos medios litorais, senón dar a coñecer á poboación unha problemática que cada vez é máis visíbel e preocupante, e cuxa solución en parte depende da nosa conciencia. O pasado ano 2018 participaron na Limpeza simultánea de praias unhas 500 persoas, que conseguiron retirar das praias galegas máis de 4.000 quilos de residuos.  

A iniciativa mantén ata propio o día 18 aberta a inscricións, que se fai a través do correo electrónico.