Lidia Senra: “A pregunta á Comisión Europea non vai de 'vacinas si ou vacinas non”

Lidia Senra durante un mitin de AGE en Europa. Foto: cedida.

Catro días despois de que transcendese publicamente a súa pregunta á Comisión Europea sobre a obrigatoriedade das vacinas, a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa Lidia Senra remitiu un comunicado coas súas aclaracións. “A pregunta, rexistrada o pasado agosto, non vai de 'vacinas si ou vacinas non”.
 

Segundo Senra, a cuestión formulada á Comisión Europea trata de que “se garanta a transparencia, a información, de que os poderes públicos garantan a seguridade fronte ao poder dos laboratorios, e da non obrigatoriedade no contexto europeo (que non é diferente ao que xa existe no Estado español)”.

 

A gran polémica suscitada polo documento provocou que os dous principais partidos que promoveran a súa candidatura ao Parlamento europeo, Anova e Esquerda Unida, se posicionasen en público contra Senra. En igual sentido reaccionou En Marea, aínda que ao día seguinte o seu portavoz, Luís Villares, recuase.

 

A eurodeputada afirma na súa nota de prensa que respecta “moito as diversas opinións e a críticas que xurdiron con motivo desta pregunta e ao mesmo tempo quero agradecer profundamente as mostras de solidariedade”. Senra aproveita para reivindicar o seu traballo nas institucións europeas: “Seguirei preguntando e traballando para que as decisións políticas que afectan a saúde e a seguridade de todos os medicamentos non estean condicionados polos  intereses das farmacéuticas”.

 

“Queremos investigación pública e control público da sanidade: nas vacinas, nos tratamentos, na investigación. A saúde é un dereito polo que temos que loitar con todas as nosas forzas. Estas foron as miñas razóns para preguntarlle á Comisión Euroepa pola información e o control público sobre as vacinas”, conclúe o comunicado de Lidia Senra, remitido baixo o logotipo do grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica.