Esquerda Unida cualiifícaa de tránsfuga

Polémica pola pergunta de Lidia Senra á Comisión sobre a obrigatoriedade das vacinas

Lidia Senra, no centro, nun acto público en Cangas

A eurodeputada de AGEe interpelou o executivo comunitario sobre a súa opinión a respeito de as vacinas seren de prescrición obrigatoria para as populacións. Senra foi desautorizada por Anova, En Marea e EU. A confluencia afirma que Senra non está vinculada organicamente a ela e o secretario de Organización de EU chámaa tránsfuga.

A iniciativa -unha pergunta por escrito- rexistouna Lidia Senra en agosto pasado e nela a europarlamentar puña en destaque a existencia de serias dúbidas sobre a toxicidade dalgúns dos componentes das vacinas para os seres humanos.

 

"As vaciñas conteñen aluminio, escualeno, antibióbitos e polisorbato, entre outros componentes. Aliás, teñen efeitos colaterais, contraindicacións e moitos efeitos secundarios e adversos que poden aparecer após a vacinación, chegando en algúns casos a provocar a morte", afirma Lidia Senra no texto da cuestión parlamentar.

 

Pedía a eurodeputada de AGEe que "as familias e o persoal sanitario" fosen correctamente informados sobre os "efeitos secundarios que pode producir cada componente das vacinas" e que se instaurase o "consentimento informado".

 

Senra quería saber se a Comisión non partillaba con ela a idea de que a vacinación non debería ser obrigatoria sendo que "ningúen puido demostrar a seguranza das vacinas".

 

Desautorización

 

Este mesmo sábado, Anova e En Marea enviaron á imprensa senllos comunicados de desautorización desta iniciativa. A formación liderada por Antón Sánchez afirma que "a posición expresada na dita iniciativa non foi consultada nin é compartida por esta organización política" e, nese sentido, engade que "as decisións sobre iniciativas políticas da representación política deben ser sempre colectivas; o contario é faltar ao compromiso co eleitorado".

 

Salienta Anova que "a vacinación sistemática da poboación supuxo nas últimas décadas un avance notorio na saúde pública, na medida en que conseguiu erradicar ou minimizar ostensibelmente a transmisión de enfermidades infecciosas que noutro tempo foron mortais ou indutoras de graves secuelas".

 

Se ben é certo que "a influencia da industria farmacéutica e dos seus intereses meramente mercantilistas non se pode obviar", este aspecto da cuestión "non nos pode levar a considerar as vacinas como elementos prescindíbeis para a saúde pública".

 

Por súa parte, En Marea afirma nun comunicado que non comparte a "posición política nen científica" da iniciativa e enfatiza que Lidia Senra "non está ligada organicamente ao espazo político".

 

Neste úlitimo sentido, a confluencia puntualiza: "Aínda que Lidia Senra fose eleita nunha lista pertencente á AGEe, e as relacións que mantén co espazo de confluencia son de cooperación, nen esta deputada está ligada organicamente a En Marea como parlamentar nen en modo nengún a súa iniciativa representa a posición política de En Marea".

 

Rubén Pérez

 

Porén, as críticas máis duras a Lidia Senra chegaron desde Esquerda Unida. En declaracións a Europa Press, o seu secretario de Organización, Rubén Pérez, carga contra a eurodeputada por na práctica terse desligado de AGE e por "manter a acta", no que constituiría un "claro caso de transfuguismo".

 

Rubén Pérez di que EU non recoñece Lidia Senra como a súa eurodeputada, sendo que "funciona" como "non adscrita" e que "non rende contas a ninguén".