Un libro "para quen nunca se aproximou ao feminismo"

Luca Chao e María Obelleiro esta terza feira na presentación (Foto: Arxina).
Luca Chao presentou en Compostela 'Feminismo en cen palabras', xunto coa directora de 'Nós Diario', María Obelleiro.

A investigadora e doutora en Ciencias Sociais e do Comportamento Luca Chao presentou esta terza feira na libraría Lila de Lilith, en Compostela o seu primeiro libro, Feminismo en cen palabras (Galaxia), un sorte de dicionario na que autora propón unha reflexión acerca da lingua e das escollas que facemos para nomear todo canto nos rodea.

A este acto, Chao convidou "dúas persoas para min moi relevantes", dúas mulleres que, segundo destacou en conversa con este xornal, contribuíron á escrita e ao propósito da súa obra. A directora de Nós Diario, María Obelleiro, e a escritora Marilar Aleixandre acompañaron Luca Chao na presentación dun libro dirixido a todos os públicos, nomeadamente "a quen nunca se aproximou ao feminismo".

A obra, que partiu dun debate co alumando do mestrado de Educación e Igualdade da USC durante o curso pasado, ofrece unha relación de conceptos básicos sobre o feminismo que busca abrir as portas cara a lectura e o coñecemento de propostas teóricas máis complexas.

"Da chuvia de ideas inicial quedamos con cen conceptos esenciais para adentrarse no feminismo, dos que tamén aprendín o moito que necesitamos palabras propias para pensar na nosa lingua, xa que moitos anotámolos orixinalmente en castelán".

O valor das palabras

Chao salientou o carácter didáctico dunha obra que busca abrir o debate e a mirada sobre o feminismo. "Noméanse moitas teorías e moitas autoras que dan para un primeiro achegamento, pero o marabilloso é que se poida afondar nelas".

A autora tamén se detivo nas palabras, na importancia de nomear para dar presenza ás cousas, tamén no feminismo. "O que non se nomea non existe. Sucedeu durante décadas coa violencia machista. É esencial que lle poñamos nome ao que nos pasa. E así mo fixeron chegar estes días, o ben que lle fixo a algunha xente ver que o que cría que eran experiencias individuais teñen nome, o que permite observalas desde outro punto".