Contracultura

Luca Chao: "Nomearnos é o primeiro paso para existir e nomearnos na nosa lingua éo moito máis"

Luca Chao, investigadora e doutora en Ciencias Sociais e do Comportamento, publica o seu primeiro libro, Feminismo en cen palabras (Galaxia). Chao aborda cuestións como as distintas correntes do pensamento feminista, a súa presenza nos medios ou mesmamente a lingua, xa que como ela di, “do mesmo modo en que a lingua modula a forma en que pensamos, ten que modular a forma en que pensamos o feminismo”. 
A luguesa Luca Chao é especialista en Migracións Internacionais e foi deputada no Parlamento da Galiza (Foto: Asís G. Ayerbe).
photo_camera A luguesa Luca Chao é especialista en Migracións Internacionais e foi deputada no Parlamento da Galiza (Foto: Asís G. Ayerbe).

Como xurdiu Feminismo en cen palabras?

En outubro de 2021 comecei a traballar como profesora no Mestrado universitario en Igualdade, Xénero e Educación (USC) e tiña que dar clase de teoría feminista. Nese momento pensei que o gran reto cando abordas calquera corpus teórico é dominar os conceptos chave, porque moitas veces abordamos autoras ou conceptos moi elevados sen ter os coñecementos básicos. Propúxenlle ao alumnado pensar un dicionario colectivo que nos axudase nisto e que tamén puidese ser un libro divulgativo que lle interesase a calquera persoa que quixese iniciarse no pensamento feminista.

A idea era que servise como dicionario, mais tamén como porta de entrada ao feminismo para que as persoas do común poidan comprender os termos que manexamos. 
O que pasou é que o meu tempo como profesora foi menos do que planificamos no seu momento e fíxose imposíbel que o fixéramos colectivamente, polo que acabou sendo un traballo individual. Con todo, a primeira tormenta de ideas sobre cales tiñan que ser esas palabras foi con elas. 

Nesta vía de entrada ao feminismo, hai oco para as distintas correntes? 

Por suposto. Estariamos a ser moito máis exhaustivas e precisas coa linguaxe de falarmos de feminismos, en plural. Porque malia que o que ocupa 99,99% do espazo público sexa o feminismo hexemónico, occidental e branco hai moitas outras correntes que eu, cando menos, tratei de enunciar, como o feminismo decolonial, o feminismo negro ou o tradicional feminismo radical. Con todo, advirto tamén nun primeiro momento de que é moi difícil ser exhaustiva na súa denominación e o que se pretende enunciar é que hai moitos camiños para aproximarse ao pensamento feminista. 

Ollo, que isto non quere dicir que o feminismo sexa o que eu quero. Do mesmo modo en que o marxismo non é unha cousa que invento cando me ergo pola mañá, o feminismo decolonial non é algo que saques da manga. Hai autoras moi reputadas que levan anos escribindo e contribuíndo ao debate teórico para que saibamos como se pode abordar o feminismo desde moitos puntos de vista.

Ademais, para min, abordalo en plural tamén ten moito interese desde o punto de vista da nosa propia identidade. Escribir un libro feminista en galego é unha forma de reivindicar que dentro do feminismo hexemónico hai periferias. 

Como intersecciona a lingua con estes conceptos?

É unha cuestión fundamental. O feminismo leva décadas insistindo en que nomearnos é o primeiro paso para existir e penso que nomearnos na nosa lingua o é moito máis. Do mesmo xeito que a lingua modula a forma en que pensamos, ten que modular a forma en que pensamos o feminismo. Por iso é importante que teñamos palabras propias e mesmo algún deses cen conceptos que propoño son provocadores no sentido de que non están recoñecidos nos dicionarios oficiais. Con todo, son palabras que precisamos e que haberá que pensar colectivamente. 

Temos moita marxe para popularizar palabras propias que permitan a comunicación dixital na nosa lingua e penso, por exemplo, nun concepto que eu non utilizara mais que rastreei a través das redes sociais de activista que é o de ‘pito podre’.

Por outra parte, o feminismo xa de por si é periférico en todos os espazos de opinión, mais mesmo en momentos como o actual nos que ocupa o debate público e nos que as tertulias se ven obrigadas a levar mulleres penso que temos que preguntarnos cantas destas mulleres opinan sobre temas que non estea vinculados directamente ao feminismo.

E indo máis aló, cando chaman feministas, cantas delas opinan desde algún lugar que non sexa Madrid? Penso que temos que facer un chamado de responsabilidade aos medios de comunicación. 

Comentarios