En liberdade sen medidas cautelares os catro imputados por "enaltecemento do terrorismo"

Os mozos prestaron declaración esta cuarta feira na Audiencia Nacional española e fican á espera de que dite o auto

 

Os catro mozos galegos imputados por delito de "enaltecemento do terrorismo" prestaron declaración esta cuarta feira perante a Audiencia Nacional española. O Ministerio Fiscal baseou a súa imputación na participación dos independentistas nunha manifestación contra a megaminaría decorrida o pasado mes de abril en Compostela á que acudiron "cunha faixa de solidariedade cos 4 independentistas xulgados do 24 ao 26 de xuño" polo mesmo tribunal, asegura o seu avogado Borxa Colmenero.

Na súa declaración os cidadáns galegos aseguraron portaren as imaxes como mostra de rexeitamento á "dispersión e isolamento" á que están sometidos os detidos ao tempo que amosaren a súa solidariedade perante o proceso xudicial.

Segundo indicou Borxa Colmenero "o ministerio fiscal non preguntou nada" durante a declaración. Quen si o fixo foi o xuíz Eloy Velasco quen inquiriu en repetidas ocasións aos imputados con cuestións políticas "que non tiñan nada a ver", sinalou Colmenero.

No entanto, o avogado amosouse moi "satisfeito" do resultado obtido ao non lles seren impostas medidas cautelares --sendo habitual que neste tipo de procesos se exixa a comparecencia nos xulgados  unha vez ao mes .

Após a declaración os 4 independentistas fican á espera do auto "de arquivo ou de inicio do xuízo oral". Neste senso, de continuar adiante o proceso, asegurou Colmenero, a defensa ten claro que "non existe delito" de enaltecemento ao non existir sentenza que avale a suposta existencia dunha organización armada.