En liberdade o home detido por tirar desde a Muralla de Lugo unha rapaza

Ronda da Muralla, Lugo
A familia da vítima apunta á condición de transexual como posíbel hipótese da agresión.

O home detido pola Policía española por tirar desde a Muralla de Lugo unha moza e deixala tirada nun patio interior dunha vivenda, quedou en liberdade investigado por un delito de tentativa de homicidio.

Así o confirmaron a Europa Press fontes policiais e xudiciais, que concretaron que o individuo pasou na tarde da cuarta feira a disposición do Xulgado de Instrución Número 3 de Lugo acusado de lesións graves e omisión do deber de socorro.

Fontes xudiciais indicaron que o home, após comparecer no xulgado, quedou en liberdade investigado por tentativa de homicidio, coa prohibición de aproximarse e comunicarse coa vítima e coa obriga de comparecer semanalmente no xulgado.

Pola súa banda, fontes policiais manifestaron que está pendente a declaración da vítima unha vez que estea en condicións de facelo, posibelmente xa en sede xudicial, porque a causa está xudicializada.

Fontes consultadas por Europa Press apuntaron que a familia puxo en coñecemento da Policía a condición de transexual da muller, feito que "pode ser unha hipótese" do sucedidoa.

Respecto diso, fontes da Policía apuntaron unicamente que "houbo algo entre eles" que levou a unha pelexa e ao empurrón desde uns 12 metros de altura que acabou coa caída da vítima, á que o presunto autor deixou tirada sen socorrela.

A moza quedou tirada no chan en estado grave, segundo o relato policial, cunha perna rota, varias vértebras fracturadas e o pulso fracturado. Posteriormente, ás 7 horas un transeúnte que camiñaba polo adarve da Muralla escoitou berros de auxilio e puido localizar o lugar e ver a moza tirada no fondo dun patio interior, co que chamou aos servizos de emerxencias

.A vítima nun primeiro momento non lembraba o sucedido e foi trasladada ao Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo, onde se recupera á espera de poder prestar declaración.