"A liberdade de cátedra non pode amparar discursos de odio"

[Imaxe cedida]

Estudantes do Máster de Xénero da USC explican en conversa con Sermos Galiza as razóns de se manifestaren perante os comentarios sexistas dun docente de Económicas.

Conversamos coas alumnas que acudiron a unha das aulas de Luciano Méndez en Económicas (USC) para denunciar os comentarios machistas que lle proferiu a unha alumna á que dixo "xa che dixen o primeiro día que me desconcentraba o teu escote" e "empéñaste en traer escote até o embigo". 

Como decidistes facer esta acción?
Levabamos tempo falando do tema perante os casos sangrantes de Domingo Neira e Luciano Méndez. Ademais, despois do artigo publicado en La Voz de Galicia onde traspasou todos os límites dicindo que fai falta moito control para non se alterar por un escote non podíamos deixar que pasase sen máis. 

Nas redes sociais hai quen critica a decisión de ensinar os peitos... 
É o debate de sempre. Sempre que amosamos os nosos corpos xurden esas reaccións e continúa a haber xente que se escandaliza. É o que diciamos no comunicado, os nosos corpos son subversivos. Mais non nos importa. Cada quen ten as súas formas de se manifestar, esta é a nosa, achamos que é a máis lóxica. Quen queira facelo doutra maneira, que o faga. Houbo quen mesmo nos comparou coas Femen mais espirse hai moito que se usa como ferramenta embora elas capitalizaron mediaticamente iso. Non queremos facer referencia a elas. 

"Sempre que amosamos os nosos corpos xurden esas reaccións e continúa a haber xente que se escandaliza"

Agardábades a reacción que tivo Luciano Méndez?
Si, agardabamos eses comentarios sexistas aínda que se lle foi un pouco das mans por exemplo, cando lle entregamos o comunicado que non quixo coller e despois enrugou de maneira bastante violenta. 

E o alumnado?
Reaccionaron con sorpresa e fixeron como se non pasase nada. Logo soubemos que algunha persoa tirou fotos. 

Decidístedes actuar, explicabades no comunicado de imprensa, porque a universidade, que iniciou unha investigación, aínda non se pronunciou... 
Parécenos insuficiente como está a actuar a USC. Entendemos que pode levar tempo mais que debera ser nun prazo máis curto e que de maneira máis contundente. O caso de Luciano Méndez e Domingo Neira son coñecidos polas denuncias mais sabemos que hai moitos outros casos na USC e noutras universidades. En todas as institucións intentan silencialos. Nese senso, decidimos actuar para presionar e que a USC se posicione. A Universidade di que ten uns valores de igualdade mais no caso de Domingo Neira el foi readmitido e, en troca, o estudantado que protestou contra a súa homofobia está encausado [xudicialmente]. Queremos presionar para que se apliquen de maneira real eses valores que se pregoan. A Área de Igualdade debería ter capacidade executiva. 

"Decidimos actuar para presionar e que a USC se posicione"

O profesorado ampárase na liberdade de cátedra, ten límites este dereito?
Está moi ben que exista mais non pode amparar os discursos de odio. Non pode amparar a discriminación porque hai que educar en valores. O machismo está moi naturalizado mais, no caso de Luciano Méndez, imaxinemos que lle dixera a unha persoa de cor que ten que ir para a parte traseira da aula porque diante o distrae. 

Neste senso, o IES de Ponte Calderas lanzou unha inciativa para incluír a Historia do Feminismo no currículo académico e que o papel das mulleres se incorpe ao estudo en todas as áreas de coñecemento... 
É absolutamente necesario. Non se está a ir á orixe do coñecemento científico que sempre se atribuíu ao home branco e con poder. Non só a historia do feminismo é absolutamente necesaria senón levar a interseccionalidade a todas as áreas, arredarnos tamén dese eurocentrismo que o impregna todo. Esta acción quería denunciar os discursos de odio mais estamos a traballar tamén para reclamar a incorporación dos estudos de xénero en todas as carreiras de maneira transversal e formación para todos os estratos da universidade, non só o alumnado e o profesorado senón tamén das persoas que integran os órgaos de goberno. 

Estamos a traballar tamén para reclamar a incorporación dos estudos de xénero en todas as carreiras de maneira transversal

Como reaccionou a comunidade universitaria após a repercusión mediática que tivo a vosa acción?
Moi ben, mesmo o persoal de cafetaría ou algún docente nos recoñeceu o que fixemos. 

Credes que poderían adoptar algún tipo de medida contra vós?
O que fixemos é totalmente legal, acudimos de ouvintes a unha aula e en suxeitador. Legalmente está prohibido ir espida mais fomos en suxeitador. De facto, animamos ao resto do alumnado e das persoas ás que lles proe o que aconteceu a se unir a estas protestas e facer presión.