Liberan Pablo Costas e a tripulación do 'Cobija', retido no Iemen

O capitán Pablo Costas —dereita— está acusado de pesca ilegal malia non se atoparen indicios (Foto: Cedida).
A axencia de noticias Sputnik asegura que o patrón galego e parte da tripulación xa teñen os pasaportes para volver á casa.

Xusto un día despois de que Bueu, a localidade de onde é natural Pablo Costas, o patrón retido no Iemen desde hai 11 meses, clamase pola súa liberación, as autoridades do país asiático parecen ter dado a orde de liberación do capitán do 'Cobija' e do resto da tripulación. 

Segundo avanza a Nós Diario Manolo Caamaño, asesor do sindicato CUT en Cangas, a axencia de noticias rusa Spuknik comunicou con eles para dar conta de que Pablo Costas e os seus compañeiros, retidos no porto de Al Mukalla por un presunto delito de pesca ilegal, están en liberdade desde a mañá deste domingo e cos seus pasaportes listos para poder viaxar ás súas casas.

Caamaño di non poder confirmar a información, aínda que o medio ruso publica fotos de Costas e dos demais integrantes da tripulación baixando do barco e con xesto relaxado.  

Polo que coñecen, Pablo, o compañeiro peruano e o grupo de 17 compañeiros indonesios abandonaron o barco ás 10.45 horas da mañá, mentres que os tripulantes namibios e senegaleses deixarán o buque "nalgún momento desta tarde".

Unha vez xa liberados, foron trasladados a varios hoteis de Al Mukalla, onde agardan a ser repatriados, algo que se podería producir nas próximas horas. 

"Desde as 11,10 da mañá non puidemos contactar con Pablo, polo tanto, insistimos, non podemos confirmar nin desmentir esta información da axencia rusa", apunta Caamaño. 

De confirmarse a boa nova sería o final dunha fatídica odisea na que o patrón galego e a tripulación padeceu as consecuencias dunha alimentación e unhas condicións de vida deplorábeis que causaron problemas de saúde a boa parte do persoal.