Liberadas 23 vítimas de explotación sexual que foron enganadas con falsos empregos, unha delas en Lugo

O armazón criminal obrigaba as súas vítimas a prostituírense baixo ameazas. (Foto: Nós Diario)
O armazón criminal obrigaba as súas vítimas a prostituírense baixo ameazas. Controlábanas con cámaras de videovixilancia instaladas nos pisos onde as explotaban, onde eran forzadas a traballar enriba de palés, sen somier nin colchón e aínda que se sentisen indispostas.

A Policía Nacional liberou 23 vítimas de explotación sexual que foran enganadas coa promesa dun futuro traballo en salóns de beleza en diferentes cidades e vilas do Estado español e, entre elas, Lugo. Oito persoas foron detidas acusadas de delitos de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, relativos á prostitución e contra os dereitos das e dos traballadores, entre outros.

No marco do Plan da Policía Nacional contra a Trata de Seres humanos, a operación puxo ao descuberto unha rede criminal que presuntamente se lucraba coa explotación sexual das súas vítimas, unha delas con discapacidade intelectual, despois de que as enganasen dicindo que terían outro tipo de traballo ou baixo condicións moi diferentes, segundo remitiu o corpo policial a través dun comunicado.

A investigación culminou coa liberación de 23 vítimas de explotación sexual nas cidades de Lugo, Úbeda (Xaén), Alacant, Guadalaxara, Alcalá de Henares (Madrid) e Cidade Real. As detencións practicáronse en Úbeda (2), Alcoy (2), Guadalaxara (2), Lugo (1) e Cidade Real (1), por, alén dos detidos xa citados, branqueo de capitais, contra a saúde pública e pertenza a organización criminal.

Tamén se realizaron dez entradas e rexistros nas cidades de Alcoi, Úbeda, Alcalá de Henares, Lugo, Ciudad Real e Guadalaxara. Interviñéronse teléfonos móbiles, máis de 5.000 euros en efectivo, substancias estupefacientes tales como cocaína e 'tusi' e outra documentación relacionada coa investigación.

A organización captaba as súas vítimas atopándose no Estado en situación irregular ou xa en orixe, fundamentalmente en Colombia, a través de persoas que coñecían, familiares ou compatriotas. As que entraban no Estado español facíano a través dos aeroportos de Madrid ou Barcelona. Os implicados enganábanas ofrecéndolles un traballo diferente, no sector de salóns de beleza ou coidado de anciáns, ou baixo condicións moi diferentes ás que finalmente as forzaban a someterse.

Os detidos eran quen contactaba cos clientes a través de páxinas web e conviñan todos os servizos sexuais. As vítimas non podían rexeitalos e obrigábaselles a pagar á organización aínda máis diñeiro en concepto de abono por realizar estas xestións.

O armazón criminal obrigaba as súas vítimas a prostituírense baixo ameazas, trasladándoas con frecuencia dunha cidade a outra, o que dificultaba a detección da súa actividade delituosa. Controlábanas con cámaras de videovixilancia instaladas nos pisos onde as explotaban. As mulleres tiñan que abonar aos membros da organización o 50% de cada servizo sexual. Ademais, debían anotar cada un destes servizos en cadernos e eran forzadas a traballar enriba de palés, sen somier nin colchón e aínda que se sentisen indispostas.

Os implicados compraban substancias estupefacientes que ofrecían aos clientes. A investigación deu a coñecer que a máxima responsábel da rede adquiriu múltiples propiedades inmobiliarias en varios puntos do Estado, e mesmo en Colombia, co diñeiro obtido da explotación e a venda de substancias estupefacientes.