Levan a Xunta da Galiza ante a Fiscalía tras as agresións a persoal sanitario
Representantes da CIG-Saúde pediron esta sexta feira na sede da Fiscalía da Coruña que se abra unha investigación diante do que consideran "falta de medidas preventivas" para garantir a seguridade e a integridade do persoal sanitario, logo da agresión o 3 de febreiro a un enfermeiro e un vixiante de seguridade no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña por parte dun paciente.
O sindicato nacionalista presentou un escrito na Fiscalía para que este órgano xudicial investigue se os feitos acontecidos o pasado 3 de febreiro poden ser constitutivos dunha infracción penal. Segundo explicou o secretario de Saúde Laboral da CIG na Coruña, Ernesto López, esta iniciativa responde a un acordo da asemblea de traballadores e traballadoras da área sanitaria.
O responsábel sindical demandou da Consellaría de Sanidade que actúe con medidas de prevención “e non cando aconteza unha incidencia”. Explicou que “nós non queremos que sucedan delitos, queremos que a xente vaia traballar e que non pasen estas cousas". Referiuse ao encontro esta semana do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o fiscal superior da Galiza, Fernando Suanzes, e criticou a xestión da Consellaría diante dos protocolos que, segundo recoñeceu antonte o conselleiro após a reunión con Suanzes, “poden ter algunha fisura”. Caamaño limitouse a respecto deste incidente a ofrecer “medidas” para “solucionar o problema o antes posíbel”.
Desde a CIG-Saúde explicaron que a xerencia do Complexo Hospitalario da Coruña “ten que coidar da súa xente" e consideran que estes coidados inclúen “garantir a seguridade” e non desbotan que se puidera producir algún tipo de infracción penal “por omisión”. Neste senso, Ernesto López sinalou que “non hai protocolos actualizados, nin transmisión nin coordinación", e por iso xustificou a denuncia presentada onte polo sindicato nacionalista para incidir en que a Fiscalía é quen ten que valorar unha “posíbel querela” contra o xerente da área sanitaria da Coruña-Cee, Luis Verde, polo acontecido o pasado 3 de febreiro. Esta mesma semana representantes da xunta de persoal da área sanitaria da Coruña-Cee trasladáronse até Santiago para entregar por rexistro un escrito dirixido ao conselleiro de Sanidade pedindo o cesamento inmediato do xerente Luis Verde. O persoal denuncia que, malia levar anos demandando que se implementen protocolos e medidas para garantir a súa seguridade no exercicio das súas funcións e tamén para as persoas usuarias, a xerencia "obviou todas as nosas peticións".
Tempo de resposta das emerxencias
Tamén esta sexta feira, técnicas e técnicos de emerxencias sanitarias da CIG denunciaron “falta de coordinación” entre as xerencias do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) e da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias-061, que segundo critican, “está a provocar un aumento dos tempos de resposta das ambulancias”. Reclaman o estabelecemento dun protocolo que “limite a inoperatividade dos vehículos para garantir unha atención máis áxil e eficiente”. Aseguran que abordaron este problema o pasado mes de agosto coa xerencia do CHUP pero co paso dos meses “non fixeron nada, simplemente se limitaron a trasladarse as responsabilidades dunha dirección a outra, polo que todo continúa igual”.

