Os Letrados de Xustiza piden que a ministra Llop sente na mesa para desbloquear a folga que paraliza miles de xuízos na Galiza

O Ministerio de Xustiza convocou a pasada semana o comité de folga, mais non houbo acordo. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
A última reunión que mantiveron con representantes do Ministerio durou 15 horas e concluíu sen acordo.

A representación dos Letrados da Administración de Xustiza (LAX) móstranse dispostos a reunirse esta segunda feira para desbloquear a folga indefinida que manteñen desde o pasado 24 de xaneiro. Para iso piden á ministra Pilar Llop que se incorpore á mesa de negociación.

O comité de folga estivo traballando durante a fin de semana para desencallar o "grave conflito" facendo fincapé en que as propostas que propón "en ningún caso" exceden as reclamacións iniciais, nin as aceptadas polo propio Ministerio de Xustiza no mes de abril, segundo apuntan nun comunicado.

Ao fío desta cuestión, o comité denuncia que, a pesar de "os ataques" que asegura recibir por parte de diferentes colectivos e das declaracións do secretario de Estado, 'Tontxu' Rodríguez, "que chegou a facer unha indecente comparativa co terrorismo", seguen a desenvolver "fórmulas" que poidan desbloquear a folga.

Neste senso, consideran "necesario" que se incorpore á mesa de negociación a propia ministra titular de Xustiza para que sexa ela "en primeira persoa a que asuma a dirección da situación e a encargada de resolver o maior problema que ten a Xustiza española desde sempre, demostrando que realmente lle preocupan os dereitos dos cidadáns españois".

Os letrados subliñaron ante a opinión pública que, "á vista das manobras despregadas polo Ministerio na primeira reunión, se lles requirirá para que se estabelezan regras claras de funcionamento da mesa negociadora, para evitar situacións tan kafkianas como as da outra noite, dando unha imaxe ao exterior falsa do que estaba a ocorrer dentro", lamentaron, en relación á última reunión que mantiveron desde a quinta feira e que se alongou durante 15 horas sen chegar a un acordo.

Finalmente, os letrados fan fincapé en que están a ser "obrigados" a permanecer unha quinta semana en folga como consecuencia da "impericia do Ministerio", e chámaos a "asumir as súas responsabilidades" e solucionar un conflito que está a chegar "a límites insospeitados".

Até o momento nos xulgados da Galiza foron suspendidos temporalmente por mor da folga dos letrados, que conta cun seguimento que rolda o 70%, máis de 6.500 procedementos xudiciais.