Leticia Santos, alcaldesa de Moaña: "O servizo de urxencias médicas debe volver xa a Moaña"

A alcaldesa nacionalista Leticia Santos (Foto: Nós Diario).
A veciñanza de Moaña leva un ano mobilizándose pola recuperación das urxencias sanitarias. A alcaldesa da localidade, Leticia Santos, explica a Nós Diario a progresiva deterioración da sanidade pública e da calidade asistencial nese concello e as razóns da manifestación convocada para este domingo.  

Van máis de dous desde que a Consellaría de Sanidade suprimiu as urxencias no Punto de Atención Continuada (PAC) de Moaña. Cales foron as razóns desta decisión e que prexuízo causa á veciñanza?

A decisión da Xunta da Galiza adoptouse en pleno confinamento e xustificouse por razóns técnicas. O argumento era que o edifico do centro de saúde de Moaña non cumpría coas novas medidas sanitarias derivadas da pandemia, xa que non permitía manter os dous circuítos necesarios que marcaba a normativa. Ao tempo, explicóusenos que era unha medida de carácter temporal.

Cando se saíu do confinamento e a situación comezou a normalizarse, pedimos o retorno das urxencias ao PAC de Moaña, respondendo os responsábeis sanitarios con moitas escusas diferentes. Un día era que non puxeramos a disposición da Xunta os terreos para o novo centro de saúde, malia ter un convenio asinado con eles nese sentido. E outro día era a ocorrencia que mellor lles conviñese.

Xa en 2021, con todas as medidas de illamento levantadas e de novo en plena normalidade, non só se nos seguiron negando as urxencias, senón que ficamos sen dous médicos da quenda de tarde, quedando máis de 2.800 persoas sen facultativos e sen posibilidade de adherirse á carteira doutros profesionais.

Foi o 9 de agosto de 2022, despois de moitas mobilizacións en Moaña en defensa destes servizos, cando o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, se reuniu connosco e comprometeuse a traballar por devolver as urxencias a partir  de setembro e a cubrir as dúas vacantes dos médicos da quenda da tarde a finais de outubro. 

En que quedaron as promesas do xerente da área sanitaria de Vigo e a que responde a manifestación convocada pola Mesa da Sanidade de Moaña para o domingo 11?

En outubro xa non responderon as nosas chamadas e o xerente pediu tempo. Na última reunión que mantivemos, o 22 de novembro, o xerente xa afirmou que non ían devolver as urxencias a Moaña até que contásemos cun novo edificio para o centro de saúde. Ao tempo, díxonos que non contaban con profesionais para cubrir as vacantes da tarde, sabendo posteriormente pola prensa da marcha doutro facultativo máis.

Nesta situación é cando decidimos recruar as protestas, e xunto a varias mobilizacións decorridas nas pasadas semanas, convocamos agora esta manifestación para o 11 de decembro, coincidindo co primeiro aniversario do comezo das protestas.

A Consellaría de Sanidade ten que saber que non imos tirar a toalla e que as urxencias médicas deben volver xa a Moaña.

Unha das súas demandas é que se cubran as vacantes de médicos na quenda de tarde no centro de saúde de Moaña. Cal é a situación actual?

A realidade é que onde debía haber cinco médicos hai dous. Así, hai persoas que, coma min, levan desde outubro de 2021 sen un médico de referencia e non nos deixan sumarnos á carteira doutros profesionais. Hai días que non hai médicos para atendernos, o que debería ser unha consulta ordinaria pasa a ser unha urxencia e, no caso dos pacientes con tratamentos crónicos, o seguimento dificúltase aínda máis.

Os recortes no operativo de ambulancias na comarca provocou diversos problemas asistenciais. Neste aspecto, que lle reclaman á Consellaría?

Nós estamos reclamando que mentres as persoas de Moaña teñamos que ir ás urxencias a Cangas, unha ambulancia de reforzo fai que aumenten os tempos de servizo sanitario.