Leticia Santos, alcaldesa de Moaña: "Somos o único concello ao que non lle devolveron os seus servizos de urxencias tras a pandemia"
—Moaña suma catro anos de mobilizacións semanais en defensa da sanidade pública e polo regreso das urxencias á vila. De que forma comezaron as protestas?
Cando comezamos en 2021 foi porque quedamos apenas sen médicos na quenda de tarde e daquela tamén seguiamos sen recuperar as urxencias despois de que a Consellaría de Sanidade, coa escusa do confinamento e da pandemia, as unificase en Cangas para os dous municipios. Entón, considerando que a situación sanitaria, tras a Covid, xa se restabelecera naquel momento, entendemos que xa non podiamos seguir aturando a situación de non termos o PAC en Moaña. E foi por iso que a Mesa Local da Sanidade decidiu empezar a mobilizarse semanalmente. Este domingo facemos 214 semanas consecutivas de mobilizacións. Todos os domingos nos concentramos, mesmo algunha semana, como a pasada, que houbo manifestación en Vigo pola reconstrución da área sanitaria, fomos a esa marcha e tamén estivemos na nosa concentración.
—Que cambiou nestes catro anos?
Conseguimos unha ambulancia de reforzo para O Morrazo. Antes só había unha ambulancia en Moaña e outra en Cangas, pero o traslado do PAC a Cangas fixo que os tempos de resposta das ambulancias se incrementasen. Grazas á nosa mobilización e ás nosas reclamacións conseguimos unha ambulancia de reforzo con base en Moaña, que o Sergas decidiu dotar de persoal de enfermería, o que permite levar as persoas até os hospitais de referencia que están en Vigo sen que teña que ir un médico, que asiste o traslado por teléfono. Con iso gañamos calidade asistencial.
Esta non era unha demanda inicial, pero en decembro de 2021, despois de que nun período de menos de dúas semanas, tres persoas falecesen sen que lles chegase toda a resposta médica que necesitaban en menos de media hora, incluímos esta reivindicación, porque talvez terían falecido igual, pero tiveron menos oportunidades. En 2022 comezamos a reclamar esta ambulancia de reforzo que finalmente puxeron este ano.
—A Casa do Mar conta con todo o persoal médico que require a veciñanza?
Seguimos tendo médicos na quenda de tarde e si que se cubriron as prazas que estaban estaban vacantes, porque ao principio sospeitabamos que a consellaría quería que desistísemos da quenda de tarde. Conseguimos inicialmente que se cubrisen algunhas desas prazas, pero a día de hoxe, das cinco prazas que deberían ter persoal asignado, só tres contan con el e tampouco cobren as ausencias cando algún dos tres médicos se ausenta por calquera motivo. De tal maneira que memso esta mesma semana, a cuarta feira, estivemos sen servizo médico na quenda de tarde no centro de saúde, agravado pola falta do PAC.
—A recuperación do PAC, e con el do servizo de urxencias de Atención Primaria, concentra as máis das protestas veciñais.
Non conseguimos aínda que volvese. Esa é a nosa reivindicación máis importante, porque se nos temos que desprazar a Cangas para que nos atendan no PAC e despois nos acaban derivando a un hospital a Vigo, Moaña está máis perto de Vigo que Cangas e, polo tanto, para nós, é un atraso asistencial importante, ter que ir seguido a Cangas. Sen contar o trastorno que supón non ter alguén que te poida levar, porque pola noite non hai autobuses, nin hai taxis, así que se te atopas mal, non tes transporte público nin facilidades.
Ademais diso, somos o único concello do país con un PAC recoñecido na estrutura do Sergas, que nos asignaron eles, na área sanitaria de Vigo, que está na Casa do Mar; o único concello no que tomaron algunha medida de concentración sanitaria por mor da Covid ao que non lle devolveron os seus servicios de urxencias. Estamos absolutamente convencidos de que o Sergas ten algo en contra de Moaña, porque, senón, non se explica que sexamos o único concello do país que non recuperou a normalidade tras da pandemia. É insólito.
—Moaña está pendente agora da finalización do centro de saúde de Sisalde, cuxo convenio inclúe un servizo de urxencias e outro de odontoloxía.
usto antes do confinamento, o 26 de febreiro de 2020, asinamos un convenio co Sergas mediante o cal nós lle cediamos ao Sergas os terreos a título gratuíto e completamente urbanizados para construír o novo centro de saúde. Ben, novo non, porque o Sergas nunca construíu un centro de saúde en Moaña até o de agora, porque o que temos era a Casa do Mar, un centro social do Mar reconvertido para admitir as consultas médicas, coas carencias de infraestruturas que iso supón. A cláusula primeira do convenio di que Moaña ten que ter PAC no novo centro de saúde. Entón, de non abrir no centro de saúde as urxencias, Sergas estaría incumprindo o convenio asinado.
—Teñen a confirmación de que vaian abrir as urxencias?
Non nos contesta o Sergas. Eles non queren abrilo con urxencias. De feito, o PP, liderado polo PP de Cangas, presentou no Parlamento Galego a semana pasada unha iniciativa para que fagan un novo estudo de necesidades para ver se Moaña pode recuperar o seu PAC ou non, algo que lle sentou fatal a toda a veciñanza.
Primeiro dixeron que as urxencias volverían a Moaña cando se recuperase a situación da pandemia. Mentira. Despois dixeron que como xa se estaba a construír o novo centro de saúde, non pagaba a pena traer as urxencias, porque requirían dalgunha reforma. E agora isto. O único certo é que a veciñanza necesita o PAC e o PAC segue figurando na estrutura asistencial do Sergas. Moaña ten un PAC e o persoal contratado para ese PAC, pero exerce en Cangas. Non ten ningún sentido.
—Cando contan que abra o centro de saúde de Sisalde?
En teoría o centro tiña que estar listo a finais do ano pasado. Logo volveron a dar unha data, na primavera deste ano, pero a realidade é que o centro aínda está en obras. Non hai data de apertura. Iso si, abrirá co servizo de odontoloxía, como figura no convenio. Iso si que está confirmado.
—Tampouco hai data nin certezas para o Centro de Alta Resolución que a Xunta da Galiza comprometeu para o Morrazo e que agora busca remudar.
O Sergas deseñou para o Morrazo centros de saúde e un centro comarcal de referencia que viría ser un centro de especialidades. Sería, ao uso, case coma un hospital, pero sen a parte de hospitalización, aínda que con algunha cama para poderche pór unha medicación ou permanecer en observación.
Mais o Sergas cambiou ese Centro de Alta Resolución por un CIS, un centro integral de saúde que a poboación de Cangas rexeita, porque non quere perder o seu centro de saúde, que está no centro da vila. Como aínda en Cangas non hai os terreos a disposición e o Sergas non os compra, non hai avances. Desde Moaña ofrecemos a Sanidade unha readaptación do noso proxecto, dando unha planta máis ao centro de saúde en construción podería dar cabida á parte de especialidades, pero negáronse a facelo. Estaba na súa man resolvelo, pero non lles interesaba, porque politicamente parece que Moaña e a veciñanza de Moaña lles dá igual.
Moaña ofreceu unha solución para que puidese chegar ao Morrazo o antes posíbel un servizo que non temos. Só iso. Eu sempre defendo que non quero que lle quiten nada a ninguén. Nós pedimos o noso, non pedimos que lle quiten nada a ninguén, pero pedimos o noso, pedimos o nos PAC de volta.
—Por onde decorrerá a manifestación deste domingo?
Sairemos ás 11 da mañá da portal do almacén. Percorreremos toda a rúa Ramón Cabanillas até pasar por diante do Concello, rumbo ao novo centro de saúde.. Sairemos á rúa Sisalde, baixaremos por Curros Enríquez, paralela á praza do Concello, para encararnos xa outra cara á Casa do Mar, o lugar habitual das concentracións do domingo, por iso para nós acabar aí a manifestación tamén é algo simbólico.


