Leopoldo López di agora que viaxou a Galiza para se reunir “con vítimas da ditadura de Maduro"

Leopoldo López (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

Foi proposto para sanción pola Policía Municipal de Cambados por rachar o fechamento perimetral.

O venezolano Leopoldo López afirmou que a súa viaxe a Galiza tiña como motivo manter xuntanzas con "compatriotas exiliados e vítimas da ditadura de Maduro". Así se expresou a través dunha mensaxe na súa conta oficial de Twitter, despois de que a Policía Local de Cambados propuxese para sanción a López por saltar o peche perimetral.

López atopábase nunha terraza céntrica deste concello arousá, na que estaba coa súa muller,  Lilian  Tintori, outra parella e menores. "Non me consta que fose multado nin incumprido ningunha norma", asegura tamén Leopoldo López na súa mensaxe a través das redes sociais.

A Policía Local incoa este expediente sancionador que se remite á Xunta, que decidirá agora sobre se se multa ou non Leopoldo López e ao resto de persoas que se atopaban con el.

Leopoldo López vive en Madrid coa súa familia. Actualmente, existe un peche perimetral entre comunidades como medida contra a pandemia.