'Leonardo' deixa máis de 300 incidencias na Galiza e catro puntos en nivel vermello pola enchente dos ríos
O 112 Galiza rexistrou nas últimas horas máis de 300 incidencias por meteoroloxía adversa relacionadas coa borrasca que afecta o país na actualidade, denominada 'Leonardo'. As fortes choivas e ventos vividos esta semana, con alerta laranxa por fenómenos costeiros en todo o litoral e o plan Inungal activado en fase de preemerxencia, provocaron 311 incidencias desde a medianoite desta quinta feira, 5 de febreiro até as 7 horas desta sexta.
Entre ambas as dúas xornadas contabilizáronse máis de 62 árbores caídas, uns 52 accidentes de tráfico sen feridos e preto de 30 actuacións de prevención de riscos por parte dos servizos de emerxencia. O Centro Integral de Atención ás Emerxencias destacou entre outros incidentes ocorridos esta quinta feira, as inundacións de estradas en Amoeiro (comarca de Ourense) e Crecente (A Paradanta), desprendementos de terra e pedras en Pantón (Terra de Lemos) e Navia de Suarna (Os Ancares) ou inundacións de vivendas en Monforte, Barbadás (comarca de Ourense), Beariz (comarca do Carballiño), Ribadavia, Moaña (O Morrazo) ou Silleda (O Deza).
En Vigo, unha xornada máis, o transporte de ría viuse afectado polas malas condicións meteorolóxicas. Así, a liña Vigo-Cangas prestouse á primeira hora con frecuencias cada 30 minutos para adecuar a velocidade dos barcos á situación adversa no mar; mentres que a liña Vigo-Moaña suspendeu as súas conexións de primeira hora. Con todo, en función de como evolucionen as condicións ao longo da xornada, podería haber máis alteracións.
Enchente nos ríos
Por outra parte, a crecida dos ríos mantense na Galiza tras as precipitacións das últimas horas e, na demarcación da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), xa son catro os puntos que alcanzaron o nivel vermello: A Peroxa e Salvaterra (río Miño), Ribadavia (río Avia-Miño) e Tui (río Louro). Segundo os datos actualizados pola CHMS esta sexta feira, o punto de control do Miño na Peroxa rexistra unha altura de 7,35 metros, aínda que a tendencia é que vaia decrecendo. No caso de Salvaterra (Pontevedra), o punto de control marca unha altura de 10,19 metros, tamén con tendencia á baixa.
En Ribadavia, o río Avia alcanzou os 4,63 metros na confluencia co Miño (con tendencia a baixar nas próximas horas), e en Tui, o río Louro chegou a 2,46 metros (con tendencia a manterse sen cambios). Ademais, mantéñense en nivel laranxa unha decena de puntos de control, como os situados en Ribadavia (río Avia), Baños de Molgas (Allariz-Maceda) e Arnoia (O Ribeiro), ambos atravesados polo río Arnoia, Bande (Baixa Limia) e Xinzo (río Limia), Ourense e Lugo (río Miño), Barco de Valdeorras (río Sil) e Salvaterra (río Tea).
No caso dos encoros, son varios os que están a máis de 90% da súa capacidade: Os Peares-Carballedo, Belesar-O Saviñao, Montefurado-Quiroga, Santo Estevo-Nogueira de Ramuín, Peñarrubia-Rubiá, Sequeiros-Ribas de Sil, ou San Pedro-Pantón, entre outros. Tamén están desaugando varias presas: San Martiño-Quiroga (780,99 metros cúbicos por segundo), Os Peares (167,22 metros cúbicos), Bao-O Bolo (110,73 metros cúbicos) ou Velle-Ourense (2.267,73 metros cúbicos por segundo).
Plan Inungal
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior mantén activo o Plan Inungal en fase de preemerxencia, con máis dunha vintena de ríos en seguimento en toda Galiza. Trátase dos ríos Mero (Cambre), Xubia (Ferrol), Sar (Ames), Barcés (Abegondo), Grande (Vimianzo), Tambre (Oroso e Trazo), Mandeo (Coirós e Betanzos) e Cabeiro-Tambre (Oroso). Tamén están baixo vixilancia o Lérez (Pontevedra), Louro (Tui), Tea (Salvaterra de Miño), Gallo Umia (Cuntis), Verdugo (Pontecaldelas) Cabeiro (Redondela), o Miño (Lugo, A Peroxa, Ourense e Salvaterra), Avia (Ribadavia) Arnoia (Baños de Molgas e Arnoia), Limia (Bande), Limia (Xinzo de Limia), Sil (O Barco de Valdeorras) e Támega (Castrelo do Val e Oímbra).