Actos o vindeiro 24X

Lembranza dos cinco anos da traxedia de Angrois

Manifestación da plataforma de vítimas de Angrois no pasado ano.

A plataforma de vítimas do Alvia 04155 organiza diversos actos conmemorativos no quinto aniversario do accidente

A terza feira 24 de xullo, véspera do Día da Galiza, unha comitiva sairá ás 11 da mañá desde a estación de comboios de Compostela até a praza do Obradoiro, punto neurálxico nesas datas festivas. Esta será a primeira da batería de actividades preparadas para lembrar as vítimas no día que se cumpre un lustro desde o accidente ferroviario de Angrois, no que perderon a vida 80 persoas.

 

Após a concentración e a lectura do manifesto na praza da catedral, a plataforma de vítimas do Alvia 04155 celebrará un oficio relixioso na Colexiata de Santa María de Sar ás 18 horas. A partir das 19 horas, os actos serán desprazados até Angrois, cando se celebre unha concentarción na ponte curva de A Grandeira e o campo da festa da parroquia acolla os actos do aniversario propiamente dito. Por último, no mediodía da cuarta feira 25, as familias celebrarán unha reunión no Pazo do Faramello, no seu Xardín do Recordo.