A lei de violencia de xénero da Galiza incluirá as vítimas de explotación sexual

violencia_ue
As mulleres vítimas de trata e explotación sexual terán acceso a axudas e medidas específicas que xa se contemplan para vítimas de violencia machista.

A lei 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero da Galiza incluirá en 2023 as vítimas de explotación sexual. 

Este paso pioneiro vai na liña doutros avances da lexislación que xa promulgou a Cámara galega, como o fito logrado hai case un ano ao incluír o ciberacoso contra as mulleres como violencia machista.

Esta reforma vén propiciada pola Lei de medidas fiscais e administrativas que acaba de iniciar a súa tramitación parlamentaria, tamén coñecida como Lei de acompañamento aos orzamentos da Xunta de 2023 e que se tramita de forma paralela ás contas autonómicas, de maneira que tamén entrará en vigor coa chegada do novo ano.

Vítimas de explotación sexual

Segundo recolle o texto, entenderase "vítima de explotación sexual aquela que realice o exercicio da prostitución", incluídos os actos pornográficos ou a produción de material pornográfico con obtención de lucro por parte dunha terceira persoa, física ou xurídica, "cando a vítima se atope nunha situación de vulnerabilidade persoal ou económica" ou "se lle impoñan condicións gravosas, desproporcionadas ou abusivas".

O Parlamento da Galiza, do que forman parte PPdeG, BNG e PSdeG, avanzou na lexislación en materia de violencia machista nos últimos anos desde a aprobación, en 2007, da primeira lei integral, un fito no lexislativo autonómico que suscitou o aplauso unánime o día que recibiu luz verde.

Recentemente, tamén suscitou o consenso de todos os grupos o rexeitamento ao proxenetismo e, de feito, aprobaron unha proposición non de lei na que, entre outras cuestións, o arco parlamentario mostrou de forma unánime a súa postura a favor dunha reforma do Código Penal para introducir esta prohibición de forma expresa.

A reforma galega, que se tramita xunto con máis dunha trintena de retoques que a Xunta fará este ano a normativas vixentes, supón que todas as mulleres vítimas de trata, ao ter esta consideración na lexislación autonómica, poderán ser receptoras das axudas e medidas específicas que hai para vítimas de violencia machista.

A Galiza tamén é pioneira na consideración da violencia vicaria como violencia machista, unha consideración que está vixente xa desde xullo de 2021 e que afecta non só aos fillos senón a persoas estreitamente unidas á muller, así como se o exerce unha ex parella, parella ou persoa coa que se mantivo unha relación análoga.

Explotación sexual na Galiza

Entre 2016 e 2020, na Galiza rexistráronse un cento de persoas vítimas de trata e explotación, segundo datos do Ministerio do Interior. As vítimas de trata e explotación sexual rexistradas nese período foron as máis numerosas. 

As autoridades realizaron nese lustro un total de 620 inspeccións administrativas en lugares onde se exercía a prostitución, durante as cales identificaron 3.310 persoas en risco. Con todo, nas estatísticas oficias figuran 24 persoas vítimas de trata sexual e 39 vítimas de explotación sexual. Xa o advirte a ONU: nos rexistros oficiais só figura un 5% das vítimas, o que significa que por cada persoa declarada hai outras 20 sen recoñecer.