Do 24 de xaneiro a 4 de febreiro: vaga de mobilizacións contra o desmantelamento da sanidade pública

Manifestación pola Sanidade Pública en Vigo

A plataforma ‘SOS Sanidade Pública’ denuncia as “graves consecuencias” das políticas de recortes e privatizacións do PP.

 

 

Defender máis unha vez desde a rúa a sanidade pública e denunciar o seu desmantelamento polo Partido Popular. Eis as razóns da vaga de mobilizacións que convoca a plataforma SOS Sanidade Pública: concentracións comarcais para o vindeiro día 24 de xaneiro e unha manifestación nacional en Compostela para o 4 de febreiro, ás 12:00 horas, con saída da Alameda. A plataforma denuncia “a política de recortes, privatizacións e a mala xestión do Partido Popular” e alerta das consecuencias que isto ten para a sanidade pública.

 

Para os representantes desta plataforma, esas políticas do PP tradúcense en situación como a que se vive todos os invernos en Urxencias, con colpaso dos servizos. “Desde o ano 2009, un total de 790 camas nos hospitais, que debilitou a estrutura de Atención Primaria”.

 

As e os representantes de SOS Sanidade Pública alertaron tamén do incremento das listas de espera e dos efectos perversos do ‘Decreto de tempos máximos de espera’, en vigor desde o 10 de xaneiro, co que o PP pretende combatelo. “É, directamente, unha fonte de financiamento da sanidade privada”, denunciaron, porque ao doente non pode elixir xa que “se rexeita a oferta de centro que se lle fai desde a sanidade pública perde o dereito ao tempo máximo garantido”. De feito, o propio decreto di que “o exercicio do dereito de garantía de tempos máximos prevalece sobre o dereito de libre elección”.

 

SOS Sanidade Pública denunciou tamén as privatizacións, tanto no relativo a concesións, como no hospital de Vigo, como no que se refire a sectorización privada, como POVISA, ou á concertación sanitaria e externalizacións. Mais tamén outras formas máis agochadas de introdución do negocio e os intereses privados na sanidade pública como o procedemento de compra innovadora con financiamento da investigación para empresas privadas; o control da investigación e a formación dos médicos pola industria farmacéutica; o procedemento de adquisición tecnolóxica público-privado do diálogo competitivo ou a introdución de empresas privadas na xestión do servizo como medtronic en cardioloxía.

 

Coas mobilizacións convocadas SOS Sanidade Pública quere manifestar tamén o seu rexeitamento ás modificacións que o PP pretende introducir na Lei de Saúde.