A Lei de familias incluirá un permiso retribuído de 5 días para coidar familiares e convivintes

(Foto: Arxina)

A norma, que será levada ao Consello de Ministros da vindeira semana, incluirá tamén un novo permiso parental de oito semanas, que poderán gozarse de forma continua ou descontinua até que o menor faga oito anos.

O Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 levará a vindeira terza feira ao Consello de Ministros o anteproxecto da lei de familias que incluirá finalmente un permiso retribuído de cinco días ao ano, retribuídos, para atender un familiar até segundo grao ou un convivente.

Segundo fontes do Ministerio, a norma incluirá tamén un novo permiso parental de oito semanas, que poderán gozarse de forma continua ou descontinua até que o menor faga oito anos.

De acordo con esa lei, terán os mesmos dereitos que as familias numerosas as familias monomarentais con dous fillos, as familias con dous fillos onde un ascendente ou descendente teña discapacidade e as familias con dous fillos e fillas encabezadas por unha vítima de violencia de xénero ou por un cónxuxe que obtivese a garda e custodia exclusiva sen dereito a pensión de alimentos.

O anteproxecto, segundo as fontes, ampliará a renda crianza de 100 euros ao mes por cada menor de 3 anos a cargo.

O departamento que dirixe Ione Belarra aspiraba a que o permiso retribuído para coidar de familiares ou convivintes fose de sete ao ano, ampliábel a nove se for necesario desprazarse a outra comunidade, mais finalmente, tras longas negociacións con Facenda que foron atrasando a lei, queda en cinco días.

O seu obxectivo inicial era tamén ampliar a seis meses os permisos de maternidade e paternidade, desde as 16 semanas actuais.