O Constitucional avala a Lei do aborto de Zapatero mais non se pronunciará sobre o consentimento paterno ás menores de 17

Manifestación polo dereito ao aborto. (Foto: Nós Diario)
A corte de garantías prevé presentar en marzo un novo relatorio cun enfoque "máis feminista" que poña o foco no benestar da muller. Porén, da mesma forma que no relatorio rexeitado do maxistrado conservador Enrique Arnaldo, gardará silencio sobre o consentimento dos proxenitores ás menores de 16 e 17 anos, que non era obrigatorio conforme á lei inicial mais pasou a selo por mor dunha reforma do Goberno de Mariano Raxoi e que agora pretende recuperar a ministra Irene Montero co novo texto.

O Tribunal Constitucional prevé abordar o próximo mes de marzo o novo relatorio sobre o recurso presentado en 2010 polo PP contra a Lei do aborto, da que se encargará a vicepresidenta do TC, Inmaculada Montalbán, cun enfoque "máis feminista" centrado nos dereitos das mulleres, apuntaron fontes da corte de garantías, segundo recolle Europa Press. Espérase que a proposta redactada por Montalbán inclúa unha perspectiva de xénero que poña o foco no benestar da muller, partindo do dereito a decidir sobre a súa maternidade, o que suporá unha aproximación nova a respecto do relatorio elaborado polo maxistrado conservador Enrique Arnaldo, que pivotaba sobre os dereitos do non nado ou nasciturus.

O borrador de Arnaldo foi rexeitado no pleno decorrido esta quinta feira porque declaraba constitucional toda a lei do aborto agás o artigo 17, ao considerar que a forma de informar á muller que estabelece o devandito precepto —perante un sobre fechado— non garante suficientemente que dea un consentimento informado á interrupción voluntaria do embarazo.

A nova maioría progresista, de sete maxistrados fronte a catro, buscaba un aval sen fisuras á lei do aborto, polo que desbotou o relatorio de Arnaldo e este declinou redactar un novo que recolla o sentir maioritario. En consecuencia, o presidente do TC, Cándido Conde-Pumpido, encargoulle a Montalbán "que proceda a elaborar unha nova resolución que desestime o recurso de inconstitucionalidade" do PP.

As referidas fontes avanzan que ambos os relatorios, o vello e o novo, coincidirán en non aludir á necesidade de que as mozas de 16 e 17 anos soliciten o consentimento dos seus proxenitores para abortar. Malia que a lei aprobada polo Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero eximía desta autorización estas menores, o posterior Executivo de Mariano Raxoi derrogou ese artigo, co que o recurso perdeu o seu obxecto neste punto. A lei que agora impulsa a ministra Irene Montero pretende recuperar agora esta cuestión.

O novo relatorio requirirá varias semanas de traballo, de modo que as mesmas fontes precisan que non dará tempo a que se estude no próximo pleno, previsto para o 21, 22 e 23 de febreiro. Estiman que se abordará en marzo. O Constitucional, de feito, xa anunciou que nese primeiro pleno do próximo mes, fixado os días 7, 8 e 9, abordarase a impugnación da coñecida como 'Lei Celaá'. Arnaldo foi o cuarto relator do recurso do PP contra a Lei do aborto. Elisa Pérez Beira foi a primeira encargada de estudar a impugnación a fondo, despois pasou a Andrés Ollero e, finalmente, a Enrique Arnaldo, que agora cede o paso a Montalbán.

O TC blinda o seu quorum

O recurso popular chegou ao pleno desta semana como parte do plan ideado por Conde-Pumpido para desatascar os asuntos pendentes no tribunal empezando polos asuntos máis antigos. O debate sobre o fondo da cuestión non comezou até o ecuador do conclave, porque a primeira parte dedicouse a ventilar as recusacións e a abstención suscitadas.

Na terza feira, durante a primeira sesión do pleno, os maxistrados rexeitaron a decisión voluntaria de Concepción Espejel de apartarse destas deliberacións porque era vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) cando o órgano de goberno dos xuíces informou o anteproxecto sobre a Lei do aborto.

O pleno impediu que Espejel se abstivese ao entender que expresou o seu criterio xurídico sobre este tema "hai máis de 12 anos" nun informe "errado" do CXPX, porque non chegou a elevarse ao Goberno. Xa na sesión da cuarta feira, o pleno freou as recusacións lanzadas por 5 dos 71 deputados do PP que asinaron o recurso contra Conde-Pumpido, Montalbán, Espejel e Juan Carlos Campo.

Sinalaban a Conde-Pumpido porque era o fiscal xeral do Estado cando o Consello Fiscal que presidía informou o anteproxecto de lei; a Montalbán e Espejel, porque eran vogais do CXPX que informou igualmente o borrador, e a Campo, porque foi secretario de Estado de Xustiza entre os anos 2009 e 2011.

O pleno directamente inadmitiu o escrito destes cinco ex deputados populares, incluído o ex ministro Federico Trillo, ao estimar que eles sós non teñen capacidade de actuar en nome dos 71 recorrentes orixinais. De prosperar estas recusacións, o Constitucional quedaría sen os maxistrados necesarios —cando menos 8, dos 11 que son actualmente— para resolver o recurso.