O lecer nocturno ten que esperar para poder abrir até as 4 horas da madrugada

Colas fóra dunha discoteca cando se realizaron as probas piloto. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Fontes do sector aluden á "improvisación" e falta de achegas tecnolóxicas da Xunta para ficar no chanzo de seguridade máis baixo. En consecuencia, a nivel global non se ampliarán horarios nin se chegará ao 75% da capacidade dos negocios.

Dado o apoio do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) ao uso do Certificado Covid como medida de control para evitar contaxios do coronavirus no ocio nocturno, este sector xa podería comezar a traballar coas novas pautas esta mesma fin de semana.

No entanto, segundo recolle Europa Press, ese permiso aínda non poderá ser aproveitado. A norma acordada entre a Xunta e parte do sector do lecer nocturno contempla dous niveis de seguridade en función das medidas de control para evitar contaxios.

O máis elevado permite a apertura até as 4 da madrugada e completar até o 75% da capacidade de cada local, pero polo de agora hai que pospor ese paso do chanzo máis básico ao que permite traballar para máis clientela e nun horario estendido. Así, este alude á "improvisación" da posta en marcha das medidas para aclarar por que non poden dar un paso polo que levaban meses agardando.

Fontes do sector confirmaron a Europa Press que hai "rotura de stock" nos sistemas de medición do CO2 (uns específicos para pubs e discotecas, que non serían os mesmos que os do resto da hostalaría). 

Compromiso pendente

Ademais, advirten de que aínda "non contan coa aplicación que a Xunta se comprometeu a deseñar para a lectura dos certificados europeos de vacinación, o cal tamén serviría para realizar o rexistro de clientes de forma automática".

Sen estas medidas, xunto con outros requisitos como a incorporación de sinalización específica, explican que en apenas unhas horas non se poden adaptar ás medidas que esixe o novo protocolo de covid-19, que negociaron co Goberno galego pero que até a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) bis á primeira hora da tarde desta sexta feira non coñecían na súa totalidade en detalle. De feito, vaise pedir unha moratoria en certas medidas.

Adaptarse ao que indican as licencias

Neste contexto, o BNG rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento para instar ao Executivo galego a que permita que os locais, de hostalaría e de ocio nocturno, se acomoden aos horarios que figuran nas súas licencias de apertura.

Defenden que sería unha decisión boa sempre que se cumpran as medidas do novo protocolo. O portavoz de Emprego e Turismo, Daniel Pérez, entende que o escenario é novo e que os niveis epidemiolóxicos son baixos. Ademais, "os índices de vacinación son moi altos, cunha maioría da poboación galega coa pauta completa".