O TSXG autoriza exixir o certificado Covid nos locais de lecer nocturno que abran até as 4

Imaxe dun certificado Covid. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) autorizou a Xunta a incluír nas normas do protocolo do lecer nocturno a esixencia do certificado covid de vacinación -ou proba negativa ou ratificación de superar a enfermidade como máximo seis meses antes-.

O requirimento do certificado Covid só se incorporará naqueles estabelecementos que opten polo máximo nivel de seguridade e, por tanto, poderán abrir até as 4 da madrugada cun 75% de ocupación máxima.

Os maxistrados, segundo informou o TSXG, argumentan que a medida está "xustificada", posto que se trata de "espazos fechados, nos que se estabelecen contactos próximos e prolongados, e con escaseza de renovación do aire" e, ademais, nalgún momento é necesario retirar a máscara.

O fallo sostén que os espazos de ocio son lugares "de socialización, que favorecen a relaxación da atención necesaria para manter as medidas de prevención, ao que pode contribuír o alcol". Por iso, considera que a presentación do documento identificativo de ter superado o virus ou de ter recibido a vacinación fronte a este podo ter parte de efectividade para evitar contaxios.

Aliás, a conclusión da Sección Terceira do Contencioso-Administrativo do TSXG tamén ten en conta que o plan estabelece dous niveis diferentes nos que as medidas e requisitos varían -ao igual que na hostalaría en xeral-, polo que "non se pode falar dun sacrificio desproporcionado cando a exhibición do certificado se exixe para o desenvolvemento da actividade de ocio onde a entrada e o acceso ao estabelecemento é voluntario". 

"A medida cumpre unha función que non só é a de evitar os contaxios, senón tamén minimizar os riscos", sosteñen desde a sala que preside María Dolores Rivera Frade.

Falta agora que, após esta autorización, o Goberno galego publique o protocolo no Diario Oficial da Galiza (DOG), para coñecer con exactitude como entrará en vigor, cando e se contará ou non cun período de adaptación para cumprir con todos os requisitos que se inclúen.

Cada local poderá adherirse a un dos dous niveis recollidos no protocolo, que proporcionan máis ocupación e máis horario no caso de máis seguridade nos seus requisitos. A principal diferenza entre ambos os dous é o curso de formación dos empregados, que será de catro horas para adquirir as dúas ' cunchiñas', e a petición da certificado Covid-19 -vacinación, proba negativa ou recuperación da enfermidade-.

No nivel 1 de compromiso, polo que se recibe unha ' cunchiña', estabelécese a ocupación máxima actual -50% en interior, 75% en exterior- e o horario límite de 3 da madrugada. O persoal traballador deberá realizar un curso formativo de dúas horas de duración.

No nivel 2 de compromiso, polo que se reciben dous ' cunchiñas', fíxase unha capacidade máxima do 75% no interior e do 100% nas terrazas. Para acceder aos locais é preciso o certificado (pendente de aval do TSXG) e o horario límite será ás 4 da madrugada. O persoal terá que realizar un curso de 4 horas de duración.

Un terceiro nivel para casos graves

O protocolo do lecer nocturno, que foi aprobado polo Comité Clínico inclúe un terceiro nivel (do mesmo modo que a hostalería) para activar no caso de que a situación epidemiolóxica adquira gravidade. Nese caso, só poderán abrir as terrazas até o 50%, cos clientes sentados en mesas e até a 1 da madrugada.