REVISTA DE IMPRENSA

Leccións de xornalismo de Soraya Sáenz de Santamaría

Sáenz de Santamaría, nun debate no Senado

Controla o CNI e neste momento non poucas voces ven a súa man detrás de El País. Encarnizada rival de Feijóo pola sucesión de Rajoy, ofereceu esta quinta feira toda unha lección de xornalismo, durante a inauguración da xornada O fenómeno da desinformación na era dixital. Olla con inquietude a rede e os meios dixitais. Boa parte da desinformación fabrícana precisamente os seus meios amigos.

Soraya Sáenz de Santamaría alertou da "proliferación de noticias falsas" propagadas con "métodos cada vez máis sofisticados", titula El País a crónica da lección de xornalismo da vicepresidenta. La Voz calca o mesmo título na súa edición on line.

 

En realidade, a preocupación de Sáenz de Santamaría -e en xeral de todo o establishment- non vén dada pola imprensa estabelecida, senón polos novos meios -dixitais- e polas redes. Estes vieiros de información alternativos aos oficiais deben "garantir" a veracidade do contido publicado ou "no mínimo advertir do potencial perigo" de determinadas publicacións, advertiu a número dous do Goberno Rajoy, no pórtico dunha xornada que se realizou na sede do organismo estatal Red.es, en Madrid.

 

E quen pode controlar eses novos meios? Pois a xuízo de Sáenz de Santamaría, os meios "entre aspas serios", aqueles "con traxectoria", chamados a se responsabilizaren "á hora de filtrar, contrastar e verificar información". Soraya ve neles barreiras contra as fake news. "Continuamos a necesitar o seu selo de calidade e profesionalidade", declarou.

 

As fake news constitúen materia de traballo para o CNI, afirmou o seu director Félix Sanz, baixo a atenta mirada da súa xefa política. O perigo das noticias falsas -dixo o responsábel dos espías españois- é que existe "unha tendencia [social] a acreditar nas cousas [que se publican]: os servizos temos que estar a traballar nunha dupla dirección: na normal e en demostrar que algo é falso".

 

Sáenz de Santamaría ve nas fake news "a ponta do iceberg" dun fenómeno, o da desinformación, que "ameaza seriamente" a propia acción do goberno á hora de tomar as decisións correctas. 

 

Na lección de xornalismo da vicepresidenta do executivo español a autocrítica brillou pola súa ausencia

 

Claro que na lección de xornalismo da vicepresidenta do executivo español a autocrítica brillou pola súa ausencia. Nen palabra sobre as informacións falsas propagadas polos meios de titularidade pública sob o control da Moncloa (moi groseiras, por exemplo, na cuestión catalá) e cero alusións á ofensiva propagandística dos meios amigos do Partido Popular, moi activos nos últimos días para, por exemplo, comezar a apagar as lapas do incendio Ciudadanos.

 

Desde Sermos podemos iluminar á vicepresidenta con dous exemplos clarísimos de fake news tomados da imprensa "entre aspas seria" nas últimas horas. A primeira, a noticia de que Feijóo conseguiu forzar Montoro a renunciar á idea de aplicar unha quita á débeda das comunidades autónomas. Até o propio Montoro desmentiu os titulares entusiastas da imprensa máis leal a Monte Pío. A segunda, a información oferecida por Íñigo de la Serna desde a tribuna do Congreso sobre as razóns que levaron o goberno a vetar a tramitación da segunda das proposicións de lei enviadas polo Parlamento da Galiza ás Cortes Xerais do Estado para a transferencia da AP9. Unha información toda ela falsa (calquera que se tome o traballo de ler, comprobará que a iniciativa do Pazo do Hórreo excluía calquera resgate da AP-9, precisamente para non incorrer en ningún incremento orzamental que servese á Moncloa como coartada para vetar). Esa imprensa "entre aspas seria" tería que ter desvendado o embuste de De la Serna. Non o fixo. Está demasiado ocupada en aplicar as leccións de xornalismo de Sáenz de Santamaría.