Lazos verdes para conquistar unha ría de Pontevedra sen Elnosa e sen Ence

A Praza da Peregrina foi escenario dunha concentración da Asociación en Defensa da Ría de Pontevedra cun duplo propósito. O primeiro, celebrar o fin da concesión de Elnosa. O segundo, presionar o Goberno español para que non tolere a continuidade da factoría co subterfuxio de que o Consello de Estado aínda non resolveu o expediente sobre a caducidade da concesión.

Primeiro fechar Elnosa. Despois fechar Ence. Ese é o horizonte no que se move a APDR, e tamén o concello de Pontevedra. A asociación desenvolveu este domingo unha acción festiva e reivindicativa, co reparto de lazos verdes que simbolizan a aposta por unha Ría de Pontevedra libre de industrias contaminantes. 

 

Os lazos verdes —pendurados en reixas, farolas, tuberías e outros elementos do mobiliario urbano— levaban sobre-impresionada a palabra Agora!, en vermello e sobre un fondo negro. Un adverbio de tempo que significa que Elnosa debe cesar xa a súa actividade á beira da Ría de Pontevedra, ao ter concluído o período da concesión. Agora é tamén unha chamada de atención a un goberno do estado que se dispón a tolerar a continuidade da electroquímica mentres o Consello de Estado non resolva o expediente sobre a caducidade da súa licenza. E ten de prazo para facelo até o próximo mes de outubro.

 

 

 

Na concentración deste serán na Praza da Peregrina tomaron parte a tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, a edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, e a eurodeputada do BNG, Ana Miranda.

 

En declaracións aos meios, o presidente da APDR, Antón Masa, atribuíu "ao descoñecimento de cal ten que ser o sistema a seguir" a posición adoptada pola subdelegada do Goberno en relación á permanencia de Elnosa —favorábel a que se manteña mentres o Consello de Estado non se pronuncie. 

 

"É moi doado de entender que nunha empresa que xa non ten concesión non é necesario continuar ningún expediente", dixo Masa. "Se no pode traballar en Lourizán, a que vén continuar co expediente de caducidade?", perguntouse o presidente da APDR.