Madrid tolera a continuidade da electroquímica de xeito provisorio

Concello e APDR piden que Elnosa abandone a Ría de Pontevedra xa este domingo

Este domingo é o día en que Elnosa conclúe a súa concesión nos terrenos de dominio público terrestre que ocupa en plena ría. Portanto, a partir deste 29X a electroquímica non podería continuar a funcionar.  Porén, si que o fará, sendo que o goberno central —díxoo por boca da subdelegada en Pontevedra, Maica Larriba— considera que a factoría pode manter a súa actividade mentres o Consello de Estado non resolver o expediente sobre a caducidade da concesión.

No horizonte do movimento socio-político que durante anos pelexou por unha Ría de Pontevedra libre do complexo Ence-Elnosa este domingo 28 de xullo de 2018 era unha cita marcada en vermello. O día en que concluía a concesión da factoría Elnosa, a electroquímica que se debruza sobre a ría. A ADPR tiña xa convocada unha concentración para este domingo, ás 19 horas, na Praza da Ferrería, para celebrar a marcha de Elnosa. A mobilización mantense, mais vai ter un ton abertamente reivindicativo, despois de que esta sexta feira a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, deixase a porta aberta para que Elnosa continuase a súa actividade con normalidade sen importar que formalmente concluíse a súa concesión e mentres o Consello de Estado non resolvese o seu expediente.

 

"É que non se trata de que caduque a concesión, é que se acaba", afirmou este sábado a concelleira e alcaldesa en funcións de Pontevedra, Carme da Silva (BNG). A continuidade de Elnosa "non é posíbel", dixo tallante.

 

Que se abra a hipótese do mantimento da electroquímica en tanto o Consello de Estado non se pronunciar —ten até o mes de outubro para o facer— só se pode deber a que haxa "unha negociación por detrás", alerta a concelleira nacionalista, quen avanzou que os servizos xurídicos do concello combaterán "calquera trampullada" que faga servir Elnosa para tentar continuar na Ría. "Estaremos vixiantes e seremos contundentes", advertiu.

 

A alcaldesa en funcións comparou a posición do goberno de Pedro Sánchez a respecto de Elnosa coa prórroga da concesión de Ence decretada polo Goberno Raxoi en xaneiro de 2016: en ambos casos tolérase a permanencia na ría dunha empresa "contaminante" sen ter "ningún amparo legal".

 

Maica Larriba, por súa parte, explicou que a data do fin da concesión ficaba en suspenso até se resolver un expediente administrativo que, dixo, está "en vías de solución". A subdelegada do goberno deslizou que o probábel é que a resolución do Consello de Estado sexa contraria á permanencia de Elnosa. Porén, argumentou que o executivo debe respectar "os prazos que marca a lei" e agardar á resolución do asunto.

 

A Asociación para a Defensa da Ría de Pontevedra (ADPR) tamén saíu ao paso das declaracións da subdelegada do Goberno español. A entidade afirma que é indiscutíbel que a concesión de Elnosa conclúe este domingo 29 de xullo. A tramitación do expediente de caducidade non ten xa sentido ao expirar o "título habilitante" que permitía á electroquímica explotar os terrenos.