Laza súmase “á resistencia contra a invasión” dos eólicos

Unha das andainas organizadas en Laza. (Foto: Adega Monterrei)

Once colectivos na defensa do medio ambiente, desde distintos puntos de vista, chaman á mobilización da veciñanza das comarcas próximas a Laza para amosar a súa loita contra os proxectos de parques eólicos nos montes. A cita será o sábado 11 de decembro ás 16 horas na praza da Picota.

Distintos colectivos de todo o territorio galego preparan unha protesta sen precedentes contra a tramitación masiva de proxectos eólicos en todo o país.

Esta segunda feira foi a localidade de Laza, e concellos de toda a contorna, os que se sumaron á reivindicación e piden á cidadanía que non falte á mobilización que terá lugar o sábado 11 de decembro, ás 16 horas, para amosar ás grandes empresas e ás administracións públicas a súa “resistencia contra a invasión” das montañas polos muíños.

A iniciativa fai parte da actividade impulsada pola plataforma Eólicas, Así Non que decorrerá en toda Galiza o sábado, maioritariamente ás 12 horas.

En Ourense, o que pretenden é defender as montañas desde a sociedade civil pero partindo dos once colectivos que convocan: Salvemos O Támega-Adega Monterrei; Salvemos as Montañas de Trevinca; Stop Eólicos Xurés-Celanova; Stop Parques Eólicos en Chandrexa de Queixa; Amigas das Árbores; Amigos da Terra; Amigos das Cegoñas; Ecoloxistas en Acción; Movemento Ecoloxista da Lima; Sindicato Labrego Galego e CSA Cambalhota de Allariz.

Contra "a colonización"

“Durante a concentración en Laza darase lectura a un manifesto que resume as demandas do movemento galego contra a invasión eólica”, explican.

No discurso, exixirase “a paralización inmediata de todos os proxectos en tramitación (tanto a nivel estatal como autonómico) que afectan ás comarcas de Monterrei, A Limia, Baixa Limia, Terras de Celanova, Ourense, Allariz-Maceda, Terras de Caldelas e Terras de Trives”.

“Segundo as estimacións dos colectivos convocantes, a ameaza eólica nas comarcas ourensás resúmese en 44 novos polígonos de explotación eólica con 469 novos aeroxeradores que afectan total ou parcialmente a territorio destas comarcas”, inciden.

É dicir, o número de muíños chegaría a multiplicarse por dous de ir adiante todas as iniciativas empresariais en trámite.

"Todas as grandes montañas desta parte do país serán colonizadas polos polígonos eólicos e todos os nosos espazos naturais protexidos ficarán rodeados", lamentan, invitando á veciñanza a non faltar para amosar a súa oposición a este futuro.