Lara Blanco, traballadora social: "A sociedade individualista ten que mudar"

Lara Blanco, traballadora social (Nós Diario)

O rural galego segue abastecéndonos de iniciativas propias para que vivir nel non teña que ser algo imposíbel. Esta semana presentábase nas redes sociais a cooperativa Camiño Circular, unha iniciativa que parte de tres mulleres coa idea de tecer redes sociais e económicas na comarca de Tabeirós-Terra de Montes. A proposta é interdisciplinar e abrangue desde produtos da terra até a arte.  

Como se chega a ser cooperativista?

Despois de estudar traballo social estiven varios anos de voluntariado fóra, noutros países. Decateime de que quería que o meu futuro estivese relacionado coa miña terra e, en concreto, coa miña comarca. Estiven traballando en Eslovaquia con persoas de etnia cigana e en Portugal con colectivos de refuxiadas. Dinlle unha volta ás experiencias vividas para ver de axudar aquí. Foi cando pensamos xunto con Mar Blanco e Laura Tojeiro, crear un espazo para axudar no eido local, social, cultural, ambiental e económico. 

Que problemáticas atopou na Estrada nas que traballará a cooperativa?

Principalmente o consumo local e darlle unha saída ás persoas que queiran desenvolver o seu traballo, sexa como produtores ou como emprendedores, na Galiza. É evidente esta necesidade cando vemos que a tendencia é que a xente marche. A idea é darlle outro enfoque, non só vinculado ao sector primario que é o que máis se traballou, tamén doutros que sobreviven no rural. Na Estrada sabemos que hai moitas persoas cun traballo que merece ser recoñecido. Se non se actúa pode que teñan que marchar ou rematar vivindo de forma precaria.

De que maneira pode axudar unha cooperativa como na que participa a estas persoas que realizan o seu traballo no rural?

Pensamos que o mellor é comezar creando rede e conectar esas persoas e os seus proxectos a través de elementos colaborativos. Un exemplo sería a realización de xornadas de sensibilización para dar a coñecer o que fan. Penso que hai que incidir en explicar o que significa consumir de maneira local e apoiar as nosas veciñas e veciños. É algo que non fan cando producen por non ter medios ou por non ter tempo. Teñen abondo con dedicarse ao seu e precisan un impulso que se lles pode dar dunha maneira sinxela. 

Outra das ideas que pensamos desenvolver é a realización periódica de mercados de produtos locais. Sabemos que existen algúns, mais coidamos que poderían incrementarse. Nós, na nosa comarca de Tabeirós, temos moita tendencia a ir comprar a Compostela cando dispomos de produtos de primeira calidade aquí mesmo, algúns incluso mellores dos que se atopan na cidade. É posíbel reverter esa sinerxia cada vez máis presente e que non nos beneficia.

A solidariedade no rural sempre existiu. Perdeuse en parte?  

Penso que si. Avanzamos cara a unha sociedade moi individualista e iso ten que mudar. Mesmo no agro onde cada quen fala das súas terras, das súas colleitas e da súa vida. Cremos que se pode actuar doutra maneira diferente. A nivel social tamén. Pensamos en traballar na creación de redes de coidados para atender a demanda da xente maior. 

O noso concello é moi rural e hai moitas persoas maiores que viven en soidade e que precisan de apoio. Hai que ter en conta que cada vez estamos menos comunicados e para calquera xestión é necesario ter vehículo propio. Mesmo hai casos extremos nos que chegan a morrer soas por non ter quen lles bote unha man. Unha das posibilidades que valoramos é facer obradoiros interxeracionais. Convivimos tamén con outras culturas mais non sabemos nada delas, mesmo chegamos a descoñecer a nosa propia se saltamos as xeracións. Por ese lado nacen moitos conflitos.

Que agarda do futuro?

Teño moita esperanza e ilusión no proxecto. Penso que pode medrar  a medio prazo e actuar tamén fóra da nosa comarca pois a problemática que tratamos é a mesma en toda a Galiza. Antes de comezar tivemos en conta outros proxectos semellantes e sabemos que pode funcionar, o caso é involucrar as persoas para que participen. Non se pode traballar á marxe delas de ningunha maneira.