Gastronomía

Lalín arrinca unha Feira do Cocido con grande expectativa de público e marcada polo 18-F: consulta aquí a programación

Tres mulleres xantando nunha edición anterior da Feira do Cocido de Lalín.
Ana Pontón, Alfonso Rueda e José Ramón Gómez Besteiro xa confirmaron que visitarán esta fin de semana a capital do Deza.

A capital do Deza, Lalín, o quilómetro cero da Galiza, xa ten en marcha a súa celebración máis emblemática, a Feira do Cocido, unha cita declarada de Interese Turístico Internacional que este ano alcanza a edición número 56 ás portas do Entroido, como é tradicional, e, a maiores, nun país inmerso en plena campaña electoral de cara ao 18-F. O día grande desta LVI Festa do Cocido terá lugar este domingo, 4 de febreiro, aínda que as actividades de exaltación do prato máis emblemático da gastronomía galega estenderanse todo o mes. "O cocido é un prato para todo o ano", en palabras do rexedor lalinense, José Crespo, que aposta por "destacionalizar" esta celebración e levala tamén cara ao verán.

Os festexos están xa en marcha desde os días previos. Para quecer motores, esta sexta feira xa se celebrou no Lalín Arena a Gala do Cocido, retransmitida en directo pola TVG, coa entrega dos Premios de Gastononomía da Galiza e mais do Premio Nacional de Xornalismo Álvaro Cunqueiro. Este sábado permanece aberta a carpa para a compra de produtos cárnicos, lácteos e artesáns, mentres os restaurantes despachan os seus mellores cocidos durante toda a fin de semana.

A Feira do Cocido de Lalín é unha das máis emblemáticas da Galiza e protagonista absoluta das festas gastronómicas de inverno. Non en balde, foi declarada de Interese Turistico Internacional no ano 2020. Tras máis de 50 anos de historia, en 2021, a pandemia de Covid-19 e as restricións derivadas da mesma levaron a unha edición 'testemuñal' que, ademais, decorreu no mes de setembro, separando a súa data do Entroido por primeira vez. Con todo, en 2022 a celebración recuperouse xa sen restricións e recobrando toda a súa forza.

Nesta ocasión, ademais do bo tempo que acompaña a cita e que augura unha moi elevada participación de público, a Feira do Cocido celébrase coa particularidade da campaña electoral para as eleccións galegas, que arrincou na madrugada desta pasada sexta feira. Entre as personalidades politicas que confirmaron que pasarán por Lalín o domingo están o presidente da Xunta e candidato á reeleción polo PP, Alfonso Rueda, e a portavoz nacional e candidata do BNG, Ana Pontón. Tamén estará na celebración o candidato socialista, José Ramón Gómez Besteiro, que, no seu caso, visita Lalín este mesmo sábado.

Programación

O día grande da Feira do Cocido arrincará ás 10.30 horas, cunha recepción na Casa Consistorial á pregoeira desta edición, a poeta Yolanda Castaño, e mais o resto de autoridades. Neste emprazamento celebrarase o Capítulo Xeral da Encomenda do Cocido e a firma da pregoeira no Libro de Honra, seguido da impresión das súas mans nun molde.

Aínda que a charanga Verbeneros xa estará nas rúas desde primeira hora, a Feira e a súa carpa abrirán oficialmente ás 12 horas, e ás 12.45h Yolanda Castaño lerá o seu pregón na Rúa Principal. Este acto dará paso ao Desfile da LVI Feira do Cocido, con carrozas, comparsas, charangas, agrupacións musicais e exemplos dos entroidos tradicionais galegos. A música volverá ás rúas ás 17 horas coa charanga Km.Cero, e ás 18.30 horas está prevista a actuación da charanga Ardores e a Orquestra Gran Parada na Praza da Igrexa.

Durante a edición número 56 desta cita nomearase tamén un novo Comendador do Cocido, que xurará cargo ao arranque da celebración. Será Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, conselleiro popular durante os gobernos de Gerardo Fernández Albor e Manuel Fraga e un dos grandes impulsores do Xacobeo e do Camiño de Santiago.