O cocido orgulloso de Lalín

As grandes reivindicacións polos dereitos e a igualdade das opcións de vida e a diversidade sexual adoitan suceder en ámbitos urbanos. Mais, desde hai catro anos, Lalín, capital dunha enorme bisbarra de base gandeira e agrícola, súmase á protesta e convoca dúas xornadas de Orgullo de Lalín.
 

festa do orgullo lalín
photo_camera Imaxe da Festa do Orgullo de Lalín de 2019. Foto: cedida.

As tres primeiras edicións levaron por título o Cocido do Orgullo. O consistorio, presidido por Rafa Cuíña de Compromiso por Galicia nun pacto con PSdeG, BNG e PAC (a marea local), apoiou decididamente a iniciativa. Este ano tranformouse no Orgullo de Lalín e o propio concello defíneo como “un evento lúdico, pero tamén educativo e reivindicativo, en que se fai unha firme aposta pola igualdade e a diversidade”.

Foi os pasados 3 e 4 de maio cando, co respaldo de municipio e Deputación, se celebrou a última edición. Colectivos LGTBI argallaron un programa a medio camiño entre o festival e as xornadas de reflexión. Non por acaso, estudantes de diferentes institutos de Galiza participaron no IV Seminario de Educación Afectivo Sexual e Diversidade. Obradoiros, charlas, encontrso de visibilidade trans anegaron “a capital LGTBI de Galiza por excelencia”.

Ademais do pregón da profesora da Universidade de Santiago (USC) Carmen Fernández Morante houbo tamén espectáculos e música diversa, entre outras as de Pablo Méndez Performances, Las Antonias ou a Mekanika Rolling Band. “Comezou a tempada do Orgullo. En Lalín fomos os primeiros en coller a bandeira”, resumía a organización nas redes sociais, “queda inaugurado o calendario de festas LTBI en Lalín, capital da integración e a diversidade”.

Aposta polo turismo

A aposta polo turimo do Concello de Lalín, cuxo departamento do ramo dirixe Francisco Vilariño (BNG), dá resultados, polo menos no que respecta ás cifras de peregrinos. As pernoctacións medran e, segundo Vilariño, "en 2018 volveron pulverizar os datos en canto a afluencia de peregrinos". Os datos que manexa o consistorio e falan de 9.068 romeiros, fronte aos 8.299 de 2017. "É un novo récord histórico", afirmou.

Ao tempo, as visitas ao Pazo de Liñares rexistraron un significativo aumento: desde 2015 pasaron por el 34.319 persoas. Lalín con Gusto, que celebrou a súa terceira edición o pasado marzo, converteuse xa nun dos eventos gastronómicos principais da Galiza central.

Comentarios