III Edición

O Lalín con máis gusto regresa o 23 e 24 de marzo

Na imaxe, sentado e no centro, o concelleiro de Turismo Francisco Vilariño. Foto: Concello de Lalín.

Cociña en vivo, catas, degustacións e moito máis. A terceira edición de Lalín con Gusto celebrarase durante dúas completas xornadas coa gastronomía e a hostalería como grandes protagonistas.

A capital do Deza converterase en epicentro da hostalaría e da gastronomía na fin de semana do 23 e 24 de marzo, cando terá lugar na praza da Igrexa, baixo unha carpa, a terceira edición de “Lalín con Gusto”. Un evento que foi presentado polo concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, acompañado por restauradoras e restauradores de Lalín.

 

O edil nacionalista erixiu a hostalaría da vila como a verdadeira protagonista dunha cita “perfectamente consolidada malia a súa pouca idade”. E é que as edicións anteriores desbordaron as previsións de asistencia e afianzaron un evento que naceu para ficar.

 

O programa abrirá o día 23 ás 11.30 horas cunha maridaxe de café con doce da man de Xan Martínez de A Lareira e de Ana Buján do Asturiano. Ás 12.30 horas será a quenda do chef convidado, Luís Veira, do local coruñés Árbore da Veira, que conta con estrela Michelín.

 

Ás 13.30 horas terá lugar o primeiro concerto de Lalín con Gusto, que este ano outorga un especial papel á música. Así, as persoas asistentes poderán gozar do directo de Eladio y los seres queridos.

 

Na xornada da tarde, ás 19 horas, Alberto González, do Currás, e Diego López, de La Molinera, deleitarán ás presentes coas súas creacións. Rematará o showcooking Álex Iglesias, do restaurante Cabanas, e Diego López Dapena, da Escola de Hostalaría de Pontevedra.

 

Fechará a xornada do sábado a actuación do cantautor Andrés Suárez. 

 

O domingo

 

O domingo ás 12.15 horas comezará a demostración de Patricia Galego, de A Cunca, e de Belén López, de Árbore da Beira, e ás 13 horas terá lugar a Gastroexperiencia Mahou, cunha maridaxe de cinco cervexas a cargo de Beltrán Vázquez e Álex Iglesias. A sesión vermú será animada polo grupo Alberto & García.

 

Na tarde do domingo haberá un obradoiro infantil coas especialistas en nutrición Vanesa Taboada, Massimo Gioiello e Elisa García e actuarán Magín Blanco e A Banda das Apertas.

 

Un gusto para degustar e escoitar!