Do 16 ao 17 de xuño

Lalín, capital da gastronomía… con música!

Presentación de "Lalín Con Gusto"

A próxima fin de semana, 16 e 17 de xuño, “Lalín Con Gusto” suma unha nova edición para nos deleitar coa mellor gastronomía e coa mellor música, da man de chefs como Pepe Solla ou de músicas como Ses e Mamá Cabra.

Cociña en vivo, catas, degustacións, promoción dos valores da hostalaría local… mais tamén actuacións musicais e moita máis diversión na segunda edición de “Lalín Con Gusto”, o evento impulsado pola Concellaría de Turismo que na súa estrea, en 2017, desbordou todas as previsións de asistencia.

 

O sábado 16 e domingo 17 de xuño, Lalín voltará a ser capital da gastronomía con convidadas e convidados de luxo, como o chef Pepe Solla e a música Ses. E é que este ano, a actividade impulsada polo concelleiro nacionalista Francisco Vilariño amplía as posibilidades dunha cita que chegou para ficar, pois xa é dos eventos imprescindíbeis da comarca do Deza.

 

O programa

 

A Praza da Igrexa –onde se desenvolverá “Lalín con Gusto” – acollerá a inauguración da cita gastronómica e musical ás 11.15 horas do sábado, para comezar ás 11.30 horas coas maridaxes con café, da man de Xan Martínez (Café A Lareira) e Ana Buján (Restaurante Asturiano). Unha hora despois será a quenda da mostra do chef convidado, o popular Pepe Solla, de Casa Solla e ás 13.30 horas encetará a sesión vermú, amenizada polo grupo Nós.

 

Na tarde do sábado, ás 18.30 horas dará comezo a mostra de Álex Iglesias (Restaurante Cabanas), de temática oriental, e ás 19.15 horas, a de Davinia Rielo (Restaurante Catro Camiños), sobre o cocido. O prato estrela de Lalín tamén será o obxecto da mostra de Alberto González (Casa Currás), ás 20 horas. O broche de ouro á primeira xornada chegará da man de Sés, que ofrecerá un concerto acústico.

 

“Lalín Con Gusto” iniciarase o domingo ás 12.15 horas coa mostra de Diego López (Restaurante La Molinera), a quen seguirá, ás 13 horas, Diego López Dapena (Escola de Hostalaría de Sober). A coctelaría tamén estará presente nesta segunda edición de “Lalín Con Gusto”, con Xaime Rodríguez (Café Bar KUBOS), ás 13.45 horas.

 

As crianzas serán as protagonistas da tarde do domingo. Patricia Galego (Restaurante A Cunca) fará as delicias das pequenas e pequenos de 4 ao 10 anos, a partir das 17 horas. Contará coa colaboración de Vanesa Taboada e Massimo Gioiello, dietistas. O día fecharase co concerto de Mamá Cabra ás 19.30 horas, co seu último traballo “Eu cociño. Ti cociñas?”.

 

A aposta no produto local

 

O concelleiro Francisco Vilariño (BNG) pon de manifesto que a restauración de Lalín, ligada no inverno ao cocido, mais con moitas posibilidades no resto do ano, “é unha das nosas mellores cartas de presentación”. “Lalín Con Gusto”, explica, “é o reflexo da aposta no produto local, na calidade do servizo e na promoción dos valores da nosa cociña para seguir difundindo ao máximo a gastronomía de Lalín nun evento para toda a familia”.