Cogami censura que a valoración do grao de dependencia sexa telemática

O 'labirinto burocrático' da Xunta demora até dous anos o certificado de discapacidade

Cogami acompaña as persoas que o precisan nos seus trámites ante a Administración (Foto: Cogami).
As persoas dependentes tardan en recibir o certificado de discapacidade arredor de dous anos, e as prestacións económicas non chegan até pasados dez meses na Galiza. Cogami alerta dos "múltiples atrancos" que atopan estas persoas na Administración e insta a reforzar os servizos sociais. Aliás, lamenta que a valoración do grao de dependencia se estea a facer de forma telemática.

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) atendeu no que vai de ano, a través do seu servizo de apoio e asesoramento, un total de 1.103 persoas usuarias, o que supón un incremento de perto de 20% a respecto do mesmo período de 2020. Case a metade das consultas —474— estiveron relacionadas coas dificultades para obter o certificado de discapacidade e acceder ás prestacións económicas da Xunta da Galiza.

"A nova realidade na que nos situou a pandemia acentuou a fenda dixital xa existente. Aí é onde nós prestamos máis axuda, acompañando as persoas nos seus trámites, porque está todo tan burocratizado que moita xente non sabe como proceder", explica, en conversa con Nós Diario, a vicesecretaria de Cogami e responsábel da área de Promoción da Autonomía Persoal, Juana Tubío.

O tempo que tarda o Goberno galego en expedir un certificado de discapacidade chega hoxe aos dous anos. "Os prazos aumentaron moito. Aínda que están a reforzar o servizo con máis profesionais, segue sen ser suficiente. Cando unha persoa é valorada polo persoal técnico, ao cabo dun mes chega a certificación oficial. Mais, desde que un cidadán ou cidadá presenta a súa solicitude até que é valorada pode pasar un período de dous anos, ese é o problema", concreta.

De feito, este xornal informara o pasado 9 de xullo do caso dun doente de Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), Rafael Valle, que recibira o recoñecemento da dependencia unha semana após o seu falecemento, catro anos despois de iniciar os trámites. Unha sentenza xudicial obrigou a Xunta a compensar a súa familia economicamente.

Valoracións telemáticas

Mais a lentitude do proceso non é o único obstáculo. "A solución para minguar as listaxes de agarda non pode ser valorar o grao de discapacidade dunha persoa de maneira telemática, como se está a facer agora, xa que non se están a respectar os dereitos das e dos dependentes. Unha doenza afecta de formas completamente diferentes a cada quen", afirma Juana Tubío.

En consecuencia, insta a Administración a realizar as valoracións para obter o certificado de forma presencial. "Para avaliar a dependencia dunha persoa precísase dunha atención integral, unha escoita activa con ela diante. Eu por teléfono podo imaxinar a túa situación, mais non vai ser a real", engade.

A este respecto, incide en que as persoas discapacitadas "teñen moitas capacidades", mais é "o entorno" o que as limita: "Non é o mesmo vivir na cidade que nun concello rural, ter unha liña de transporte público perto... Percibimos que as familias teñen máis necesidades, precisan dunha maior atención dos servizos sociais municipais, que cómpre reforzar con equipo humano. Nesta crise que estamos a padecer, as necesidades sociais son maiores que os recursos dispoñíbeis, e non podemos permitir que as grandes afectadas sexan as persoas con discapacidade como se fosen cidadáns de segunda", argumenta.

Dez meses para acceder ás prestacións económicas

Rafael Valle solicitara unha axuda para contratar un asistente persoal profesional que o axudase a acceder ao mercado laboral e a levar unha vida máis autónoma, algo que, segundo sinalaran os seus familiares, tería mellorado "notabelmente" a súa calidade de vida.

"Por poñer un exemplo, a Renda de Inclusión Social da Galiza (Risga) ten que pasar polos servizos sociais do concello, e dependendo de cada un tárdase perto de dez meses en outorgar a prestación. É un proceso longo e tedioso para unha persoa dependente, por iso precisan da nosa axuda. É todo tan burocrático que semella que están a pór pedras no camiño para que a xente desista, e en moitos casos así é", di Tubío.

Neste senso, lembra que as prestacións económicas "non son un capricho, senón unha necesidade", e que unha persoa "non pode estar agardando varios meses para poder comer". Por iso, a vicesecretaria de Cogami urxe a Xunta a axilizar os procesos e aumentar as partidas orzamentarias destinadas á dependencia.

"Non é aceptábel que no século XXI aínda haxa persoas que non poden saír da casa"

Juana Tubío tamén pon o foco nas "barreiras arquitectónicas" que dificultan o día a día de centos de persoas. "Mellorouse moito no tocante á accesibilidade, mais aínda queda moito por facer. Non é aceptábel que en pleno século XXI aínda haxa persoas que non poden saír das súas casas porque teñen escaleiras, ou non poidan usar o transporte público ou acceder a comercios ou colexios porque non están preparados", lamenta.

Para ela, construírmos cidades e vilas máis accesíbeis non só beneficiará as persoas dependentes, senón o conxunto da cidadanía: "Na Galiza temos unha poboación cada vez máis envellecida. Non pensemos só nos atrancos para as cadeiras de rodas, senón tamén nos bastóns, os carriños de bebés, as mulleres embarazadas...", sentencia.