K2-18b, o planeta que cada vez dá máis evidencias de conter vida

Unha imaxe representativa do planeta K2-18b (Foto: ESA /Hubble).
Este exoplaneta foi descuberto en 2015 polo telescopio espacial Kepler mentres orbitaba perto da súa estrela anfitrioa, unha anana vermella identificada como K2-18.

Un grupo internacional de astrónomas e astrónomos reportou a detección de moléculas portadoras de carbono no planeta K2-18b, situado na constelación de Leo, a 120 anos luz de distancia da Terra, o que apoia a hipótese de que a superficie deste corpo celeste está cuberta por un océano de auga debaixo dunha atmosfera tépeda rica en hidróxeno, informa a NASA.

Este exoplaneta foi descuberto en 2015 polo telescopio espacial Kepler mentres orbitaba perto da súa estrela anfitrioa, unha anana vermella identificada como K2-18. A axencia espacial estadounidense explica que o achado de K2-18b se deu mediante o método de tránsito, que se basea en detectar a diminución do brillo da estrela nai durante o paso do planeta por diante do disco dese obxecto astronómico luminoso.

Así mesmo, comentou que anteriores observacións realizadas co telescopio Hubble permitiron determinar a presenza de vapor de auga, hidróxeno e helio na atmosfera do exoplaneta, que é 8,6 veces máis grande que a Terra. Recentemente, propúxose que este 'subneptuno' podería ser un candidato dunha nova clase de exoplanetas habitábeis denominados como 'Hycean'.

Estes mundos caracterízanse por posuír unha superficie oceánica, ademais dunha atmosfera abundante en hidróxeno, polo que son obxectos ideais para albergar vida. Nun novo estudo publicado no servizo de preimpresión arXiv, os científicos confirmaron a presenza de metano (CH4) e dióxido de carbono (CO2) na atmosfera de K2-18b, ademais de corroborar a escaseza de amoníaco (NH3) na capa gasosa do exoplaneta.

Os datos relacionados con estes compostos gasosos foron obtidos a partir dos instrumentos espectroscópicos NIRISS e NIRSpec, que se atopan instalados no telescopio espacial James Webb.

Os espectros proporcionados polo dispositivo satelital tamén indicaron a posible identificación de sulfuro de dimetilo (DMS), que é unha molécula producida polo filoplancton en contornas mariñas.

O DMS é considerado como un biomarcador observábel en planetas Hycean, polo que a súa probábel detección motiva a contemplar unha posibilidade de actividade biolóxica no exoplaneta. Neste contexto, o astrónomo da Universidade de Cambridge Nikku Madhusudhan sinalou que "as próximas observacións do Webb deberían poder confirmar se o DMS está realmente presente na atmosfera de K2-18b en niveis significativos".

A pesar de que se atopou CH4 e CO2 en abundancia, o que permite apoiar a teoría de que K2-18b é un planeta oceánico, os especialistas precisaron que isto non significa que este corpo celeste poida aloxar vida. Isto débese a que o seu gran tamaño, que é 2,6 veces o radio da Terra, implica que no seu interior posibelmente conteña un gran manto de xeo a alta presión, como Neptuno, aínda que cunha atmosfera máis delgada rica en hidróxeno e un océano.

Océano quente

Os especialistas propoñen que a pesar de que os mundos Hycean poidan ter océanos de auga, é posíbel que estes sexan demasiados quentes como para que sexan habitábeis ou permanezan en estado líquido.

Con todo, o equipo subliñou que continuarán a súa investigación co espectrógrafo MIRI do James Webb co propósito de que os seus descubrimentos teñan aínda máis validez, ademais de obter novos datos sobre as condicións ambientais de K2-18b.