Juan Bello, profesor: "Desprezar o medio natural sobre-explotando os recursos non leva a un futuro viábel"

O profesor Juan Bello Llorente diante do Módulo Bioclimático 'A Vieira' no CIFP Someso da Coruña (S. Amado)
Juan Bello Llorente é, desde 1985, profesor de Formación Profesional na familia de Edificación e Obra Civil. Na actualidade traballa no CIFP Someso da Coruña onde creou un recurso didáctico para dar a coñecer os principios fundamentais da bioconstrución, o Módulo Bioclimático 'A Vieira'. En 2004 recibíu o Premio Innovación Educativa en Enerxías Renovábeis na Galiza.

En que consiste e cal é a función do Módulo Bioclimático "A Vieira"?

A Vieira é un recurso didáctico experimental para o aprendizaxe de principios fundamentais de deseño bioclimático e bioconstrución. O deseño, a orientación, as solucións construtivas e os materiais empregados fan posíbel unha construción que, practicamente, non precisa calefacción no inverno, aire acondicionado no verán nin deshumidificador en todo o ano.

Bioclimática é a disciplina que estuda como climatizar as edificacións con recursos naturais como o sol, o vento, a auga ou a terra, e bioconstrución é a forma de construír respectuosa coa vida das persoas, do entorno e do planeta; en resumo, construír respectando a saúde e o ambiente. A Vieira é resultado do proxecto de innovación na FP "Recursos didácticos para la construcción bioclimática" premiado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte no que participaron xunto co CIFP Someso da Coruña outros dos centros de FP de Euskadi e outras tres organizacións de diferentes lugares do Estado español.

A realización material é a fase práctica do curso internacional "Ecological Building with straw bales in Vocational Training" (Construción ecolóxica con balas de palla na FP) con profesorado, alumnado e especialistas da Galiza, Berlín, Brandenburgo e Letonia.

De que maneira se podería popularizar a bioconstrución na sociedade, espallar a súa presenza no territorio?

A través dun proceso educativo en todos os niveis: as persoas teñen que coñecer da súa existencia e das súas características para demandalo, os técnicos teñen que formarse axeitadamente para incorporalo nos seus proxectos e propostas, as e os profesionais teñen que estar preparados para a súa materialización, as administracións teñen que recoñecer as súas vantaxes para incorporalo no desenvolvemento dos territorios... A función actual da Vieira é a divulgación, un recurso público visitábel que recibe unhas 50 visitas por curso nos últimos anos.

No ámbito da formación profesional, na que traballo, preséntanse numerosas oportunidades de especialización. Tomando a Vieira de exemplo, a estrutura é de madeira, os fechamentos son de palla cun elevado nivel de illamento, a súa cara interior está cuberta con morteiro de barro e a exterior leva dúas capas de barro e dúas de cal hidráulica, as pinturas e vernices son transpirables e libres de tóxicos, o illamento da cuberta é de cortiza e o teito é un xardín. O chan está feito cun formigón experimental con cunchas de mexillón. A electricidade é solar...

Cales son os verdadeiros "inimigos" da bioconstrución? 

Non me gusta falar de inimigos, prefiro pensar nun feito evolutivo. No século XX, fundamentalmente, deuse prioridade a un desenvolvemento tecnolóxico orientado a "dominar" a natureza, ignorando que o ser humano tamén forma parte dela, somos unha especie máis. Desprezar o medio natural sobre-explotando os recursos e xerando toxicidade en múltiples dimensións non leva a un futuro viábel.

A construción, como calquera outra disciplina, ten que incorporar a sustentabilidade como unha compoñente esencial. Xa hai exemplos interesantes e, sen dúbida, é unha tendencia en crecemento. O desexábel sería que esta evolución fora áxil para contribuír axeitadamente na loita contra a crise climática.

A bioconstrución fai "casas sas e ecolóxicas", pero a maioría da xente non é deste sector, mais mudando unha vogal pódense facer "cousas sas e ecolóxicas" e con iso bioconstruír todas as especialidades profesionais. Entón, a cousa cambiaría.