José Gómez Rial: "As vacinas buscan facer da Covid un catarro común sen mortalidade asociada"

O proceso de vacinación avanza guiado polo vaivén de decisións políticas que, ao final, marcan o ritmo da inmunidade fronte a Covid-19. Un progreso desigual no que tamén entran en xogo os problemas de accesibilidade, produción e confianza que rodean as vacinas, e que abordamos co inmunólogo José Gómez Rial.

Estamos en condicións de conseguir a inmunidade de grupo antes do verán?

A día de hoxe estamos moi lonxe de alcanzar ese obxectivo. Hai que ser realistas. A porcentaxe de xente que temos vacinada é moi baixa. E facer unha previsión certeira de como pode avanzar o proceso de inmunización é moi difícil. Contamos cun número de vacinas limitado.

Coa paralización de AstraZeneca deuse un paso atrás e non sabemos cando se van aprobar outras novas. Polo tanto, co que temos agora mesmo, lograr a inmunidade de grupo en verán é moi complicado, e hai que concienciar a poboación.

O que é seguro é que sen vacinas non haberá inmunidade comunitaria fronte a Covid-19.

Tratar de conseguir a inmunidade de grupo mediante a infección natural sería unha loucura. O custo sería moi elevado. Implicaría moitas mortes e secuelas graves. Por iso é tan importante manter as medidas de distancia social, xa que non só evitan falecementos, tamén o colapso do sistema sanitario.

As vacinas son necesarias para alcanzar a inmunidade de grupo. E para que sexan eficaces teñen que chegar a todo o mundo. O obxectivo, agora, é vacinar o máis rápido posíbel e ao maior número de persoas. Agora mesmo non vexo tanto un problema de eficiencia na vacinación como de recepción de doses. As que chegan adminístranse pero falla a distribución, que non é fluída. 

Un dos grandes retos é a accesibilidade. Garantir a produción e a un custo asumíbel.

Producir unha vacina é un proceso complexo. É certo que contamos con máis dun fabricante porque temos varias solucións. Polo tanto, do que se trata é de ser eficiente para administrar todas as vacinas dispoñíbeis.

O principal problema é todo o ruído político e mediático que se xerou, sobre todo arredor da de AstraZeneca, que continúa. Non é lóxico porque non está fundamentado. A suspensión que vivimos aquí foi un paso atrás moi importante. A día de hoxe non hai razóns para estabelecer límites de idade. Debería abrirse a toda poboación para aproveitar ao máximo o seu uso.
 
Como se explica este vaivén de decisións arredor da vacina de AstraZeneca? 

A infoxicación é a chave para entender o que pasa. Hai un exceso de información en tempo real. Todo o mundo fala. E a maioría das persoas non son expertas. As vacinas réxense por criterios científicos, pero polo camiño entraron en xogo criterios políticos e económicos, loitas entre a Unión Europea e os fabricantes que foron contaminando o proceso. Mais por riba de todo está a EMA, a Axencia Europea do Medicamento, que sempre defendeu que a vacina de AstraZeneca é segura. Isto non cambiou. Pero os Estados van por libre, actúan de forma arbitraria e sen coordinación. Iso causa confusión, e a confusión xera desconfianza.

A xente ten medo, pero os riscos, de existir, son menores que no caso doutros medicamentos e moi inferiores ao beneficio. O único que gañamos é inseguridade cando está demostrado que todas as vacinas teñen unha efectividade moi alta contra as infeccións graves, a hospitalización e a mortalidade. Non hai motivos para ter que elixir entre unha ou outra. Non as hai boas e malas. Todas funcionan.

E como funcionan?

É moi difícil comparar a inmunidade adquirida de forma natural, a través da infección, coa inmunidade que adquirida mediante a vacina. Os estudos indican que a primeira está durando máis de 12 meses, pero a costa de expor o teu organismo ao virus sen saber como vai reaccionar. Coas vacinas consegues unha inmunidade de forma controlada e segura. Estímase que vai ser duradeira e suficiente para acabar coa pandemia, pero ten que pasar o tempo.

Erradicar o virus non é o obxectivo das vacinas, senón converter a Covid nun catarro común sen mortalidade asociada. O obxectivo non é evitar a transmisión do virus, malia que os primeiros estudos apuntan que o período infectivo do individuo vacinado é menor. O obxectivo das vacinas non é que poidamos prescindir da máscara.

Agora fálase moito da vacina intranasal fronte as inxectábeis. 

Conseguir unha vacina intranasal é un reto máis difícil que lograr unha vacina sistémica, que cuxo funcionamento temos moi controlado e coñecemos moi ben. As vacinas inxectadas activan o noso sistema inmune, as intranasais actuarían sobre a porta de entrada do virus evitando que penetrase no noso organismo.

Lograrían o que chamamos inmunidade esterilizante, pero o seu desenvolvemento é complicado. Actúan sobre a mucosa, son vacinas vivas atenuadas, neste caso dun coronavirus que coñecemos pouco. Polo tanto é unha estratexia máis arriscada, pero chegará.

"Cómpre deixar de alarmar coas variantes"

Ao igual que as vacinas, as variantes do coronavirus SARS-CoV-2 están "tremendamente mediatizadas", salienta José Gómez Rial. "As mutacións son parte da evolución natural dun virus, mais para que mute tanto como para xerar unha variante de escape necesita acumular moitas durante un período longo". A curto prazo, entón, non van xurdir variantes que fagan inútiles as vacinas actuais.

"Eu son moi optimista. E confío nas vacinas dispoñíbeis, creo que van conseguir controlar o virus e as variantes que coñecemos. Os estudos que apuntan unha menor eficacia só miran unha parte moi concreta da resposta inmunitaria: os anticorpos, non a resposta celular que xeran as vacinas, que é a máis importante". E a resposta celular protexe fronte a todas as variantes. A proba, di, é que "non se están dando casos de reinfeccións graves con outras variantes".