José Fernando Lousada Arochena, maxistrado do TSXG: "Todos os xuíces e xuízas teñen que ser necesariamente feministas"

José Fernando Lousada Arochena (Foto: TSXG).
José Fernando Lousada Arochena (Montevideo, 1963) é maxistrado da sala do social do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, docente e escritor cunha ampla traxectoria feminista. É autor do libro 'O axuizamento de xénero' e do traballo 'Doenzas profesionais en perspectiva de xénero', premio de Investigación da Aula de Igualdade e Xénero Lola Martínez da Universidade de Castela-A Mancha (UCLM)

Existe unha xustiza feminista fronte a unha xustiza patriarcal?

O que existe realmente é unha sociedade patriarcal. O patriarcado está composto por moitos prexuízos, estereotipos e ideas preconcibidas sobre o que teñen que ser e facer as mulleres e o que teñen que ser e facer os homes. Impregnan todos os eidos da vida e todas as persoas que conforman a sociedade, que están nas Administracións Públicas, nas empresas, nos sindicatos, nas relacións sociais. Polo tanto, se queremos acadar a igualdade efectiva entre homes e mulleres o que temos que facer é ver todo o fenómeno na súa extensión, e iso obriga a actuar en todos os ámbitos. A xustiza é exactamente igual de patriarcal e feminista que a sociedade. 

Vostede defínese como un xuíz feminista. Que supón exercer a xustiza desde esa posición?

Un xuíz, unha xuíza ten que ser necesariamente feminista porque a Constitución, os tratados internacionais e o dereito da Unión Europea son normas que estabelecen a igualdade de homes e mulleres. O feminismo é iso. Por iso penso que todos os xuíces e todas as xuízas teñen que ser feministas, porque teñen que aplicar a lei e a lei é o que di. Neste sentido, temos que actuar e integrar no noso traballo diario a perspectiva de xénero.

Con todo, aos xuíces e xuízas pídesenos un pouco máis porque somos poderes públicos. Pídesenos que cando decidamos algo non o fagamos deixándonos levar polos estereotipos de xénero. Iso é o primeiro que temos que facer, librarnos dos prexuízos á hora de decidir sobre un asunto, e o segundo, promover a eliminación destes estereotipos na propia sociedade. Nos casos que nos tocan debemos procurar que as discriminacións e as desigualdades de xénero non prevalezan, porque é o que manda a lei.

Como se consegue? 

Librarse dos estereotipos non é doado porque están en todos os eidos da vida. Son invisíbeis e tenden a naturalizarse. Ademais, cambian as súas manifestacións. O patriarcado é unha ideoloxía que se manifesta e se adapta a todas as situacións, entón, o que hai que facer, e non só na xudicatura senón en todas as profesións que teñen que aplicar as leis é a apostar pola capacitación. 

Existe a percepción de que o marco legal actual para a protección das mulleres non é efectivo en vista de como se aplican as normas ou dalgunhas sentenzas.

Moitas das leis deste ámbito están feitas en momentos anteriores nos que a situación social e a percepción da igualdade eran diferentes. Non hai que ir moi atrás. Ademais, os poderes lexislativos tamén se deixan levar polos propios estereotipos da sociedade patriarcal. E isto fai que ás veces se produza un fenómeno de violencia ou de discriminación institucional.

As vítimas de agresión social, por exemplo, vense na obriga, polo menos, de pasar por unha declaración ante a policía, outra ante o xulgado de instrución e outra no momento do xuízo. Someter as vítimas a esta reiteración supón un rexeitamento pola súa parte do propio sistema, agravado por unha tendencia tradicional que leva a xulgar a vítima, non a xulgar o delito. Vemos estes días nas plataformas dixitais o caso de Dolores Vázquez. O seu axuizamento produciuse baixo nesgos de xénero. Axuizouse a vítima non os feitos.
 
Urxen cambios na redacción ou na aplicación das leis para darlle mellor resposta á violencia machista?

Creo que é necesario revisar a Lei de axuizamento criminal e o Código Penal, que é algo que xa está asumindo o Goberno estatal, tamén a través da Lei integral de liberdade sexual, que xa era obrigado polo Convenio de Istambul. Temos un concepto legal moi limitado de violencia de xénero, que só contempla as agresións que se dan no seo de parellas ou ex parellas. Non está previsto a inclusión de todos os delitos que aparecen recollidos no Convenio de Istambul: acoso, violacións, violencia sexual e dixital.

Faise necesario un cambio, tamén, porque os prexuízos son cambiantes e adoptan outras manifestacións. O proceso de dixitalización da economía exixe  incluír a perspectiva de xénero e ter en conta posíbeis formas de ciberviolencia ou ciberacoso no ámbito do traballo, por exemplo.

A implantación das novas tecnoloxías achegan problemas impensábeis hai 20 anos. Estamos asistindo a formas de violencia de xénero máis ou menos sofisticadas como o upskirting, ese fenómeno que consiste en facer fotografías por debaixo da saia. Ou o caso da Maruxaina, onde se serviron de cámaras de alta definición para gravar as mulleres na rúa. A igualdade hai que levala á practica, non abonda con que estea aprobada, por iso é importante ter as leis adaptadas á realidade de cada momento.

O maior reto a prol da igualdade está na educación das xeracións máis novas?

Dicía a xuíza Ginsburg que cando eduquemos toda unha xeración en corresponsabilidade e igualdade conseguiremos avanzar. Pero son optimista. O feito de que non acabemos coa violación dos dereitos humanos, que é do que estamos a falar, non nos pode levar ao desánimo. Pasa o mesmo coa igualdade. O feito de que a vexamos lonxe, non nos pode parar, débenos incentivar a seguir avanzando.

O nesgo de xénero na saúde e nas doenzas profesionais

Intentar focalizar nun só ámbito os prexuízos de xénero é unha estratexia equivocada, incide Lousada Arochena. "A magnitude do problema vese cando advertimos que os estereotipos son parte de todas as esferas da vida". Tamén no caso da saúde e das enfermidades profesionais. "O cadro de doenzas recoñecido no Estado está pensado para a industria, maioritariamente masculina" e recolle unha infrarrepresentación das enfermidades profesionais actuais, "máis acusada para as traballadoras", principal activo do sector servizos.

Así, salienta a ausencia dos riscos derivados da contaminación química asociada ás mulleres mais tamén dos trastornos músculo esqueléticos ou dos riscos psicosociais. "É curioso ver profesións moi masculinizadas, pero nin rastro do persoal sanitario ou sociosanitario".