''A José Couso asasinárono os USA en 2003 e rematárono os gobernos españois''

CC SA-NC-BY Sermos Galiza

Conversamos con David Couso, irmán do cámara de televisión asasinado o 8 de abril de 2003 no Iraque, cando un carro de combate do exército dos Estados Unidos disparou contra o hotel Palestina, un edificio civil onde se refuxiaba a imprensa.

 

David Couso é un dos irmáns de José, o cámara de televisión asasinado en Bagdad durante a ocupación do Iraque polo exército dos EUA, apoiado por Reino Unido e por España. O vindeiro 9 de abril concentraranse, máis un ano e van alá once, diante da embaixada dos Estados Unidos para reclamar que o asasinato sexa recoñecido coma tal, coma un asasinato, e que os seus responsábeis senten no banco d@s acusad@s. 

Cando xa se daba por esgotada a investigación en aplicación do principio da xustiza universal, o xuíz Santiago Pedraz emite un auto en que anuncia que seguirá adiante cos procesamentos. Como o recibiron?

Valorámolo de maneira moi positiva porque vén manifestar a independencia da xustiza e non sucumbe perante presións de terceiros. No auto apóiase na IV Convención de Xenebra, que fai parte do estamento xurídico español e vén demostrar que nun conflito armado se poden defender uns ataques sobre obxectivos civís como é o caso de José e a submisión do Executivo perante países que se supón que son amigos e aliados, actuando coma unha república bananeira. 

"Rajoy desprazouse hai por volta dun mes aos Estados Unidos para participar nunha ofrenda floral nun cemiterio militar para despois voltar aquí e demostrar que a vida do meu irmán vale moito menos que a dun militar estadounidense"

Fóra deste momento concreto, desde 2003 até hoxe cal foi a actitude do Goberno español coa causa de José Couso e coa súa familia? Houbo complicidade cos EUA?

Só che vou dicir que a José o asasinaron os Estados Unidos o 8 de abril de 2003 e desde ese día fórono rematando os distintos executivos españois. Aznar en 2003 só lamentou mais non condenou o asasinato. Desde a fiscalía da Audiencia Nacional actuaron máis como avogados defensores dos asasinos, dos militares norteamericanos, que coma unha fiscalía.

Intentaron arquivar a causa en dúas ocasións. Por primeira vez na historia a Interpol non executa unha orde de procura e captura. O PSOE en 2009 comezou a limitar o concepto de xurisdición universal por presións de Israel. E, bon, parece que todo o que comeza o PSOE o remata o PP. En 2009 houbo unha fenda na procura da xustiza e agora, en 2014, este dereito cercénase de raíz e non só para a causa de José, senón tamén para as causas saharauis, palestinas e tantas outras.

Parécelles admisíbel a limitación imposta á xustiza universal?

De nengunha maneira. Desde este executivo, que sempre están coa 'Marca España' na boca, a falar de 'patria', de dereitos e de liberdades o que atopamos é unha mensaxe de que matar cidadáns españois será gratis. Rajoy desprazouse hai por volta dun mes aos Estados Unidos para se reunir co señor da Paz, con Barack Obama, para participar nunha ofrenda floral nun cemiterio militar, en Arlington, para despois voltar aquí rir da familia dun cidadán e demostrar que non somos iguais perante a lei e que a vida do meu irmán vale moito menos que a dun militar estadounidense.

Presentarán o recurso no Constitucional e en Estrasburgo ou agardarán?

Imos agardar a ver como respira a fiscalía, porque nestes once anos atopamos unha fiscalía como xa che dixen antes: dedicada a torpedear a procura de xustiza. A opción de presentar recurso sempre a imos ter na recámara. Mais polo de agora celebramos o movemento do xuíz. 

"A xente morre dunha enfermidade ou dun accidente. Mais cando un carro de combate dispara sobre un edificio civil é un crime de guerra claro"

Desde a familia falaron sempre de 'asasinato'. Como lles comunicaron o acontecido en Bagdad o 8 de abril de 2003?

[sorrí] A min faime graza ouvir desde os medios de comunicación e desde o Goberno como nunca pronuncian a palabra 'asasinato'. Sempre 'falecemento' ou 'morte'. A xente morre dunha enfermidade ou dun accidente. Mais cando un carro de combate dispara sobre un edificio civil é un crime de guerra claro. É un asasinato.

Así o di o dereito internacional, as catro convencións de Xenebra asinadas por España. Se dicimos 'asasinato' estamos a dar por boa a defensa da xustiza fronte o exército dos Estados Unidos. O que vimos até hoxe é como nengún executivo se atreveu a defender a soberanía popular fronte a presións de terceiros. Seica que teñamos bases militares ou un escudo antimísiles lles interesa máis que defender os nosos dereitos. 

"Queremos lanzar unha mensaxe a ese imperio dos EUA: que as súas actuacións militares non son erros, senón asasinatos"

Cal é a nova que teñen que recibir para ficaren tranquil@s, sentindo que se fixo xustiza?

Esa mesma: que se fixo xustiza. Temos un exemplo a seguir do outro lado do charco: as Nais da Praza de Maio que despois de 30 anos conseguiron ver os asasinos, os torturadores da ditadura arxentina, no banco dos acusados. Queremos a mesma xustiza que solicitan os represaliados do golpe de estado do 36, que seguen tirados nas cunetas ou enterrados en fosas comúns coma cans. 

Queremos que se recoñeza a figura de Jose, queremos que se realice un xulgamento e, sobre todo, queremos lanzar unha mensaxe a ese imperio dos EUA: que as súas actuacións militares non son erros nen son desmáns, senón asasinatos e crimes de guerra.