Jorge Mira: "Sorpréndenme as correntes que din que o 5G é culpábel do coronavirus"

O físico, investigador e divulgador Jorge Mira (Imaxe: USC).
É doutor en Física pola Universidade de Santiago de Compostela e catedrático de electromagnetismo. A súa carreira divulgadora valeulle numerosos recoñecementos e hoxe Jorge Mira (Baio, 1968) recolle o primeiro Premio de Divulgación Científica da Real Academia Galega de Ciencias

—A Real Academia Galega das Ciencias premia máis de vinte anos da súa traxectoria. Como foron os inicios?
Isto mudou moito desde finais dos anos 90, cando había moi poucas cousas, a agora, que aínda que hai que mellorar, contamos cunha boa densidade divulgadora. Eu comecei daquela porque traballaba na Universidade de Santiago de Compostela, cun grupo bastante multidisciplinar e en contacto con investigadores doutras disciplinas. Era testemuña do que facían e parecíame moi interesante.

Da man do meu amigo e xornalista Santiago Garrido comecei a publicar pezas sobre a investigación galega. Daquela non se facía, existía algún suplemento ocasional de ciencia, unha especie de gueto con novas científicas. Ao mesmo tempo, na delegación da Galiza da TVE comezou un programa marabilloso froito dunha xeración case que irrepetíbel: Josito Pereiro, Xurxo Souto ou Alfonso Pato. Ficháronme para facer unha sección de ciencia despois de que fose para que me entrevistasen. Foi a primeira sección fixa de divulgación en galego na Galiza.

—Resultoulle complexo deixar de lado unha linguaxe máis técnica e abordar esas investigacións para a audiencia?
Con Alfonso Pato aprendín as chaves que despois marcaron a miña traxectoria. Ao ter claro, primeiro, a quen te dirixes. Pensar na audiencia e comprender que se queres que a mensaxe chegue a moitas persoas tes que simplificar moito. Tes a opción de non facelo, mais así perdes parte da túa posíbel base. Cando rematou o programa, a comezos de 2000, Paco Lodeiro marchou á Radio Galega e levoume con el. Tamén foi a primeira sección fixa científica nun medio do país.

Se queres que a mensaxe chegue a moitas persoas tes que simplificar moito

—Como escolle as temáticas das que vai falar?
Comecei pola investigación ao meu redor e despois especialiceime en anécdotas. Detalles que me chamaban a atención da literatura científica xeral. Doulle a volta as cousas cun toque orixinal. Seleccionaba o que pensei que lle gustaría saber á xente. Dinlle a todo: bioloxía, medicina, matemáticas. Todas as áreas. Dedicáballe moito tempo e iso permitiume tamén ter unha cultura xeral. 

—Para espertar a atención da mocidade hai que usar a súa linguaxe?
Como profesional da comunicación sábelo ben, os xornais precisan dun titular, unha maquetación, un traballo de composición. Como fai a flor coas abellas, agromando uns pétalos bonitos, uns olores sedutores e un mel que a abella lle gusta. Despois a abella leva o pole desa flor. E o divulgador ten que facer algo similar, facer de flor para que as abellas presten atención

A propia fundación Nobel veu á Galiza celebrar un dos seus actos en simbiose connosco

—Nun tempo no que as flores son máis e máis abondosas.
A explosión, sobre todo a partir de internet e as redes sociais, foi incríbel. Agora hai miles de flores, todas diferentes e cos seus matices. Eu mesmo mudei na miña carreira. Comecei coa prensa, logo a radio, despois a televisión. Participei no programa Arrampla con todo, no Cifras e Letras, o Verbas Van ou Coma un Allo. Tiven outras iniciativas como o programa de visitas de premios Nobel ConCiencia. A propia fundación Nobel veu á Galiza celebrar un dos seus actos en simbiose connosco. Realizamos un coloquio en Compostela, nun edificio da universidade. Para min foi un orgullo, case que un premio. Tamén escribín libros e, con moito esforzo e dedicación, traducín a obra de Stephen Hawkings e a de Albert Einstein ao galego.

—Evolucionou a concepción que ten a cidadanía da ciencia ou segue ancorada nun laboratorio e nunhas poucas disciplinas?
A percepción mellorou e sofisticouse, porque tanto esforzo ten que dar algún froito. O que acontece é que, ás veces, sorpréndeme ver como agroman certas pseudociencias ou as correntes que din que o 5G é culpábel do coronavirus ou os movementos antivacinas. Tal vez sexa dun exceso desa información ou da falta de fontes contrastadas, por iso os medios sodes importantes, actuades como filtro.

A percepción mellorou e sofisticouse, porque tanto esforzo ten que dar algún froito

—Tamén hai quen sinalan que non sempre facemos o noso traballo como deberamos, for por falta de tempo ou de formación.
Certo, pero cada vez facédelo mellor. Cando eu comecei, tiña case que perseguir aos grupos de investigación para que me contasen cousas. Agora, cando un grupo de investigación logra un bo resultado envía unha nota de prensa ao gabinete das universidades ou aos propios medios de comunicación. E as desde as redaccións chamades e falades con eles. O proceso mellorou moito.

—O tempo acelerado da información de actualidade e dos medios de comunicación choca co ritmo da investigación da ciencia?

Cada vez enténdese mellor. A crise da COVID-19 foi un marco de adestramento para todos, por exemplo, foi algo moi rápido. Estamos nun punto no que non podemos dar datos concluíntes de case nada. Daquela dicimos que cómpre ter validación experimental para comprender algo e vós entendedes que ese titular a catro columnas non vai chegar. O científico non se vai mollar no que non poida e mentres non teña evidencia científica. Hai que chegar a un equilibrio.