Jorge Mira recibe o primeiro Premio de Divulgación Científica da Real Academia Galega de Ciencias

Jorge Mira (Nós Diario)

Os xornalistas Xavier Fonseca e Selina Otero resultaron gañadores do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) anuncia a concesión do seu primeiro Premio de Divulgación Científica a Jorge Mira, catedrático de electromagnetismo na facultade de física da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O galardón recoñece a súa traxectoria de máis de 20 anos no eido da divulgación de todos os campos de coñecemento, cun esforzo continuado por achegarlle a ciencia á sociedade a través de múltiples canles: libros e colaboracións en prensa escrita, radio e televisión, ademáis da organización de todo tipo de actividades para o gran público.

Desde 2005, dirixe o Programa ConCiencia, unha iniciativa ideada por el para promover a divulgación a cargo de científicos de primeira orde a nivel internacional, cos que ten traído a Galicia a numerosos Premios Nobel para impartir charlas dirixidas ao público xeral.

Tamén é fundador e promotor de iniciativas como a Nerd Nite e varias actividades de observación astronómica na Costa da Morte, así como director da colección de divulgación científica da editorial da USC e comisario de exposicións como “Un mar de xenios na Fin da Terra”, a máis visitada en Galicia en 2013.

Entre os libros de divulgación publicados por Mira destacan “¿A qué altura está o ceo?” e “A ciencia no punto de mira”. As súas colaboracións en medios de comunicación, que comezaron a finais dos anos 90, inclúen a publicación de artigos en La Voz de Galicia e a participación en programas da Radio Galega e de Televisión de Galicia (TVG), a través de seccións propias sobre divulgación, así como tamén en Radio Nacional de España (RNE) e Televisión Española en Galicia (TVE-Galicia).

Premio de Xornalismo Científico

O Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas, dotado con 3.000 euros netos e convocado conxuntamente coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), será recollido por Xavier Fonseca, redactor do diario La Voz de Galicia, pola reportaxe titulada “Se o quentamento segue, hai opcións de que chegue a Galicia un gran furacán”, publicada o 30 de outubro de 2019.

O accésit deste premio, dotado con 1.000 euros, correspóndelle ao segundo traballo mellor valorado, titulado “A aposta científica das aulas galegas”, asinado por Selina Otero e publicado o 15 de decembro de 2019 no xornal Faro de Vigo.