Jesús Vázquez agacha as orellas perante Madrid e impón na Galiza un ensino menos público e menos galego

Repasamos o programa electoral que levou a Feijóo á Xunta hai tres anos, estruturado en cinco eixos dos cales a educación non facía parte. E ofrecémosche nun documento completo o anteproxecto de reforma da lei educativa que pretende aplicar o goberno español

Un contrato por unha Galiza próspera, innovadora e sostíbel. Así bautizou Alberto Núñez Feijóo o programa electoral que o levou á Xunta hai tres anos, en marzo de 2009. Estruturouno en cinco "grandes eixos", e o ensino non facía parte de ningún deles. As poucas promesas que sobre a educación pública fixo non só as esqueceu, senón que a labazada a este dereito foi das máis sonoras da historia. Desde Madrid, o titular de Educación, José Ignacio Wert, ditou unha contrarreforma educativa amparada nun ensino clasista e elitista. Desde Galiza, o responsábel do eido, Jesús Vázquez, anotou e aplicou.  

Dixo que reduciría o número de alumn@s nas aulas de infantil até @s 15, e aumentouno até @s 30. Dixo que melloraría a retribución do profesorado, mais rebaixou os salarios un 15% e, agachando as orellas perante Wert, retiroulles a paga extra do mes de decembro. Dixo que melloraría as condicións dos centros de infantil e primaria e devolveunos ás unitarias, agrupando as crianzas e suprimindo prazas de docentes, deixando o rural tan espido que profesorado no desemprego envía o currículo para traballar gratis, como voluntari@s.

Subiu as ratios e, non conforme, decidiu que o alumnado repetidor —que demanda unha maior atención— non contase á hora de estabelecer os grupos. Mais a navallada aínda non era fonda dabondo, así que masificou os Programas de cualificación profesional inicial: se neles reciben aulas persoas que aos 16 anos teñen dificultades para superaren a etapa obrigatoria, elevou o número de estudantes de 15 a 30. A nosa lingua sufriu o maior ataque da democracia: a porcentaxe de aulas en galego non chega ao 20%, e esta cativa presenza sobrevive grazas á desobediencia do persoal docente declarado en rebeldía contra o 'decretazo'. Tamén o ministro español se sentiu atraído polos cantos de serea do plurilingüismo, e colocouno como un dos alicerces da súa contrarreforma.

Non conforme, fixo negocio co ensino público e empregouno como vara para impor unha ideoloxía, a da Igrexa católica, subvencionando con cartos públicos centros concertados que aínda separan as crianzas en función do seu sexo, consolidando os roles de xénero e mallando na equidade. Cómpre dicir que os recortes de profesorado non afectan á materia de Relixión, pois parece que o alumnado ten dereito a cursala: abonda cunha soa persoa que a reclame para que se habiliten aula e docente. O novo curso vén quente. Cun goberno en xogo o 21-O, na Galiza respírase loita. 

O BNG anunciou xa que, de chegar á Xunta, recorrerá o plan español que trae canda si un ensino menos público e menos galego. Queres botarlle un ollo ao anteproxecto de lei da reforma educativa que impón o goberno español? Preme nesta ligazón