Jácome lamenta a Medalla de Ouro para o persoal de vacinación e a enfermaría exixe que rectifique

Imaxe do texto escrito por Pérez Jácome nas súas redes. (Foto Europa Press)
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, causou esta terza feira unha gran polémica após publicar no seu perfil de Facebook o seu rexeitamento a que o persoal da campaña de vacinación fronte á Covid-19 sexa recoñecido cunha das Medallas de Ouro. O malestar no sector sanitario foi tal que mesmo o Consello Xeral de Enfermaría reclamoulle que retirase as súas palabras.

Baixo a premisa de que "o futuro é dos intrépidos", o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (DO) vén de pórse en contra a boa parte da comunidade sanitaria despois de afear que unha das Medallas de Ouro recoñeza o traballo das persoas que forman parte do dispositivo da campaña de vacinación fronte á Covid-19.f

O político asegurou que, ao seu ver, o recoñecemento "debería recaer en quen desenvolveu a vacina" dado que "pór unha vacina non require unha pericia particular". Fixo estas aseveracións a través do seu perfil na rede social Facebook despois de asistir, o domingo, á gala de entrega dos premios.

"A medalla de Galicia debería ir para quen desenvolveu a vacina fronte á Covid-19 e en todo caso para os investigadores galegos que, con poucos medios, tentárono nos seus laboratorios", comentou o rexedor ourensán, que incidiu en que inocular o remedio "non é cirurxía". 

"Quen pon as vacinas non son voluntarios, é máis a maioría cobran horas extras", abundou, entendendo que as e os enfermeiros que "pican a agulla no brazo aos cidadáns" non merecen a medalla.

"Mención especial si debería dispensarse aos voluntarios de Protección Civil que axudan loxísticamente e moitos non cobran nas vacinacións", reflexionou. Mais as súas afirmacións molestaron ao sector sanitario, especialmente ao colectivo de enfermaría.

Piden a súa "inmediata dimisión"

Quer o Consello Xeral de Enfermaría, quer o Colexio de Enfermaría de Ourense pediron esta terza feira que se retracte publicamente das súas palabras. O Consello Xeral recibiunas como "un lamentábel ataque ao colectivo" e mesmo reclamou a "inmediata dimisión" de Pérez Jácome.

"Resulta intolerábel que unha persoa coa responsabilidade que ostenta Pérez Jácome no seu cargo se permita denigrar unha profesión que se xogou a vida na pandemia e vive absolutamente envorcada cos pacientes e que, ademais, o faga de forma pública e presumindo diso", reprochou o presidente da institución, Florentino Pérez Raia.

A través dun comunicado, cualificou o discurso do político de "insulto ao colectivo que entrega a súa pel polos demais". "O labor da enfermaría non se centra unicamente no asistencial, para que unha vacina chegue ao seu brazo hai protocolos específicos, horas de formación, coñecementos de farmacoloxía e anatomía, todo para realizar a picada de forma correcta", resumiu.

Pola súa banda, a presidenta do Colexio de Enfermaría de Ourense, Ascensión Pérez Sampayo, dixo "non comprenden esta saída de ton" nin que se "sume a menosprezar" o traballo das enfermeiras en redes sociais.