O persoal do Concello de Ourense podería ir á folga como represalia polos ataques de Jácome

As e os funcionarios participaron hoxe nunha nova mobilización na que demandan "respecto" por parte do alcalde de Democracia Ourensá (DO). Consideran que Gonzalo Pérez Jácome -que protagoniza unha crise de goberno desde finais do ano pasado e tivo a ameaza das mocións de censura enriba- "non entra en razón". O rexedor culpou ao cadro de persoal de varias cuestións nos últimos meses.
Protesta ás portas da Casa Consistorial de Ourense. (Foto: Europa Press)
photo_camera Protesta ás portas da Casa Consistorial de Ourense. (Foto: Europa Press)

Parte das e dos traballadores do Concello de Ourense déronse hoxe cita na praza maior, fronte ao pazo Consistorial, para exixir ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que os trate con “respecto”. Dadas as “continuas ameazas e descualificacións” por parte do líder de Democracia Ourensá (DO), os sindicatos mesmo abriron a porta a convocar unha folga como represalia por este comportamento.

O paro podería chegar porque, segundo lamentan, o rexedor “non entra en razón” e se non son quen de falar con el “non queda máis remedio que saír á rúa”. É xa a terceira saída de protesta e, dado que non parece que vaia suceder un cambio, “isto ten que ir a máis porque xa non ten outra solución”.

Cabe recordar, por exemplo, que tras unha reunión con representantes de Catalunya, Pérez Jácome atacaba a labor das e dos funcionarios do concello. Mesmo criticaba dalgunha forma que seguiran os trámites burocráticos porque implicaba unha ralentización dos proxectos.

Hoxe por hoxe, a representación do cadro de persoal acúsao de ir “só a descualificar e a non deixar traballar”.

Desde o seu punto de vista, unicamente está preocupado de “fechar chiringuitos e botar a culpa aos funcionarios”. De feito, o protagonista da crise de Goberno na que está sumida a terceira cidade da Galiza en número de habitantes desde finais do ano pasado tamén tivo unha disputa coas súas traballadoras pola petición destas de que se produciran tres despedimentos de asesores próximos.

Unha mostra do seu poder?

Hoxe mesmo, no que parece unha nova loita de poder, o alcalde anunciou que o concello abrirá unha hora máis ao público a partir de setembro (pasará de 9 a 14 horas a atender de 8.30 a 14.30 horas).

“É a primeira vez na historia da democracia moderna que se ampliará a atención ao público para dar máis facilidades aos cidadáns”, destacou.

“O que non pode ser é que se ilumine e saque unha idea que non se poida levar a cabo, porque de e saque unha idea que non se poida levar a cabo, porque de cando en vez saca algunha e non se cumpre ningunha", alertaron.

Movementos a nivel político

"Pedimos que dean un paso máis porque a situación é nefasta, tanto para a administración como para a cidade”, instaron aos grupos da oposición, pois a sombra da moción de censura xa planeou en varias ocasións sobre a cabeza do rexedor.

Na última ocasión, o Partido Popular puxo como condición que o voceiro municipal do PSOE, Rafael Villarino, -que xa dera un paso atrás para non encabezar unha lista alternativa- perdera todos os seus cargos públicos. O enfrontamento deixou Ourense igual que estaba: cun executivo municipal de tres persoas.

Comentarios